KDE SC 4.10 ve a luz

Febreiro 6th, 2013 | Por administrador en KDE

A Comunidade de KDE celebra hoxe o seu lanzamento do Espazo de traballo Plasma, de aplicativos e da Plataforma de desenvolvemento de KDE 4.10. Este novo lanzamento non é nada menor e trae a canda si unha grande cantidade de novas funcións e de aplicativos. Intentaremos facer aquí un resumo. Ademais, falaremos doutros dous lanzamentos asociados á comunidade de KDE que vimos xa na pasada semana: a suite ofimática Calligra e o reprodutor de son Amarok. E como non, informarvos de térmolo ao completo na nosa lingua!

KDE Software Compilation 4.10

Plasma Workspaces 4.10 mellora o soporte de dispositivos móbiles e mellora o deseño gráfico

O espazo de traballo Plasma, o contorno gráfico de KDE, puliuse considerablemente. Actualizáronse moitos dos widgets, moitos desenvoltos con Qt Quick. Con estas melloras conseguíronse espazos de traballo máis consistentes, un bloqueador de pantalla novo e máis seguro e fondos de pantalla animados. O widget de tarefas, o estilo gráfico dos grupos de xanelas e o xestor de enerxía foron modificados para facelos máis sinxelos de usar. Ademais disto, a resolución en pantallas de alta resolución foi mellor implantada. O tema visual Air simplificouse e con isto o espazo de traballo Plasma faise máis sinxelo de usar. Por último, o novo menú de aplicativos en KDE permite termos un único menú para varios aplicativos que se estean a executar ao mesmo tempo.

Desta volta traballouse amplamente no aplicativo de busca e almacenamento semántico, o Nepomuk. Indénxase máis axiña os datos e a busca énos máis rápida. Agora permite desactivar o indexado para son, imaxes, documentos ou código fonte. A interface de busca e o almacenamento e copia de seguridade tamén recibiron a súa volta de traballo. O novo Nepomuk Cleaner permite a xestión e limpeza dos datos almacenados con esta infraestrutura.

Mesmo desta volta KDE trae consigo un novo xestor de impresión. Temos para este un applet de Plasma que nos mostra as impresoras dispoñibles e nos dá acceso aos procesos de impresión en espera.

O xestor de ficheiros Dolphin foi igualmente ben revisado e trae novas características. Agora será máis sinxelo transferir ficheiros dende dispositivos móbiles e pódeselle cambiar máis facilmente o tamaño de iconas no panel. Ademais, a integración co almacenamento semántico é moi completa.

Melloras nos aplicativos: máis fáciles de usar e máis rápidos

Só mencionar ao rápido as principais destas novas características dos aplicativos de KDE:

  • Notificacións en Kate menos intrusivas. Neste editor de texto agora as notificacións fanse no borde superior e inclúe un «minimapa» como barra de desprazamento.
  • Volven algunhas das funcionalidades de KDE3 á consola.
  • Okular, o visor universal de documentos, gaña melloras ao mostrar os documentos máis rápido pero reducindo o consumo de memoria. Mellora as anotación a man nos documentos e trae características que o fan usable en dispositivos táctiles.
  • Gwenview, o visor de imaxes, mellora a vista previa de imaxes, trae axustes de cores para PNG e JPEG e soporta as as actividades.
  • Kontact mellora o indexado do correo electrónico e o seu rendemento. KMail agora redimensiona imaxes e ten autocorrección de texto.
  • Marble agora non só nos mostra a Terra senón que nos ensina as órbitas espaciais doutros planetas.
  • Rescribiuse Ktouch, para aprender a usar o teclado.
  • Aplicativos para educación e xogos en KDE temos ben deles. As melloras nas bibliotecas nesta versión de KDE fan que sexan máis áxiles. Desta vez temos novos xogos de Sudoku e quebracabezas.

Plataforma de desenvolvemento de KDE 4.10

Neste lanzamento da plataforma de desenvolvemento de KDE hai unha SDK máis exhaustiva e Qt Quick segue avanzando no se uso en Plasma.

Amarok 2.7

A semana pasada tivemos un novo lanzamento deste excelente de reprodutor de música da Comunidade de KDE: o Amarok 2.7 «un acorde menor». Esta nova versión trae estas novas características que foron desenvoltas grazas ao Google Summero of Code:

  • Unha versión preliminar do engadido para a colección de Nepomuk. Con isto o motor semántico Nepomuk, que xestiona os metadatos (artista, álbum, ano, xénero, lendas, etc ) asociados a ficheiros e outros recursos, recolle información das pistas de son.
  • Sincronización das estatísticas das coleccións de música con Last.fm.

Ademais:

  • Mellorouse o xestor de ficheiros e o seu deseño gráfico
  • Retomouse o soporte para a reprodución de CDs de son.

Tedes información de como descargar Amarok para a vosa distribución de GNU/Linux e Windows aquí: Amarok

Calligra 2.6

Onte virmos tamén o lanzamento da nova versión da suite ofimática de KDE: Calligra 2.6. Nesta versión Calligra libera tamén Calligra Author, un novo aplicativo para edición de publicacións. Neste primeiro lanzamento de Author é parecido ao Calligra Words xa que deriva do anterior. Actualmente soporta formatos que inclúen o EPUB2 e o MOBI.

Os outros aplicativos da Suite ofimática como son Words, Sheets, Stage e Flow e todos traen consigo melloras:

  • Words, o procesador de texto mellora a súa interface e recolle moitas correccións menores nos diálogos e en varias ferramentas, como o corrector ortográfico. Recolle ademais estatísticas de texto e exportación a ebook grazas ao traballo feito en Author.
  • Sheets, o aplicativo para follas de cálculo trae unha nova función de optimización, a chamada Solver.
  • Flow, o aplicativo de diagramas, mellora as conexións.
  • Plan, o xestor de proxectos, trae melloradas a información de axenda, a regularidade da axenda e os gráficos de rendemento e permite creación de proxectos con máis funcións. Así mesmo, perfeccionouse a usabilidade do aplicativo.
  • Kexi, o xestor gráfico de bases de datos, ten un novo soporte para os usuarios de bases de datos, melloras na importación e exportación de CVS e na visualización de táboas.
  • Krita, un gran aplicativo de deseño gráfico, trae soporte para OpenColorI0, o que lle dá un pé de entrada na industria audiovisual. O rendemento en moitas funcións é máis eficiente, incluíndo nas bibliotecas e nas ferramenta de debuxo de precisión.

Como se dixo, nesta versión de Calligra temos xa soporte para os formatos EPUB2 e MOBI, ademais de mellor soporte dos formatos de MS Office 2007 e superiores. Outro elemento resaltar é a interoperabilidade entre aplicativos da suite, ao se insercorporar formas 3D e anotacións. As gráficas aceptan tipografías de título, etiquetas e marcadores para os conxuntos de datos. As fórmulas matemáticas móstranse cunha resolución máis óptima.

Tedes información de como descargar Calligra para a vosa distribución de GNU/Linux e Windows aquí: Calligra

A tradución de KDE ao galego

Desta vez, o galego está entre unha das poucas linguas ás que se traduciu KDE ao completo para este lanzamento. O grupo de localización de KDE ao galego, coa coordinación de Marce Villarino e as traducións de Adrián Chaves, Xosé Calvo, Xabier Villar e Miguel Branco, chegamos a obter a interface gráfica de KDE totalmente traducida en con moitos módulos revisados de novo por completo. A documentación do proxecto está ao 55%, algo ben difícil de conseguir nun proxecto tan amplo.

No grupo de localización agradecemos o esforzo doutra xente que ten contribuido na tradución e convidámosvos a axudarnos á traducir.

Obtén KDE SC 4.10!

A información de como descargar KDE 4.10 SC para diferentes distribucións de GNU/Linux está na páxina da comunidade de KDE. En concreto para:

En breves seguramente teremos os repositorios preparados para outras distribucións como Arch Linux, Chackra Linux ou Fedora. Mais tarde pero igualmente, veremos este lanzamento en KDE Software para Windows e Mac OS X.

Pode seguir as respostas a esta entrada vía RSS 2.0 Pode deixar unha resposta, ou seguimento.