====== Guía de estilo ====== Aquí podes atopar as nosas recomendacións e consellos para facer as traducións. Tenta seguilas o máximo que poidas. ===== Diferenzas entre o inglés e o galego ===== Hai que ter moito ollo con algunhas expresións inglesas, xa que moitas veces as traducións literais non son aconsellables. * Coidado co abuso de pasivas directas. Unha frase como "file couldn't be opened" traduciríase literalmente como "o ficheiro non puido ser aberto", mais unha opción moito mellor é dicir "non se puido abri-lo ficheiro" (ou tamén moi recomendable "non foi posible abri-lo ficheiro"). * Evitar tamén o uso excesivo de posesivos, que se usan en inglés moitas veces no canto do artigo. Por exemplo, para traducir "Preparing your hard disk", non é necesario indica-la posesión, e abonda poñer "Preparando o disco duro". * A amabilidade é boa, pero non é tan necesaria como en inglés e os seus "please". Para traducir "Please enter your name", úsese "Introduza o seu nome". Só é recomendable traducilo cando é realmente un favor: por exemplo, ó pedirlle ó usuario que envíe un informe ós desenvolvedores cando atopa un erro nun programa. =====Trato ordenador/usuario===== No caso dos programas, procuramos despersonalizar ó ordenador, de xeito que teña o comportamento habitual dunha máquina. Isto se resume en: * O ordenador non fala en primeira persoa. Para traducir 'Could not', usamos 'Non se puido' no canto de 'Non puiden'. * Do mesmo xeito, unha máquina non xera relación de afectividade co usuario, polo que o trata de 'vostede', en vez de 'ti'. Hai que mirar isto con flexibilidade, e respectar a decisión do autor en inglés. Ás veces no orixinal úsase 'I' en primeira persoa para o ordenador, e non paga a pena estar a face-la conversión ó traducir. Para a tradución de documentación, pola contra, ó ser unha comunicación entre persoas (tradutor/escritor - usuario), déixaselle a cada un a elección do trato, aínda que recomendamos o uso de 'ti'. =====Acentuación===== Lembra que os tiles en galego son necesarios, e un texto que non os teña pode parecerlle pouco serio a moitos usuarios. Procura poñelos sempre, e non esquezas as seguintes regras conflitivas cando hai varias vogais seguidas: * Acentúanse as vogais i e u tónicas cando van antes ou despois doutra vogal átona coa que non forman un ditongo. P.ex: aínda, tía, egoísmo, baúl, túa, miúdo, ruído, distribuír * Non se acentúan as vogais i e u cando forman un ditongo coa vogal que lles antecede ou segue. P.ex: meiga, moito, auga, frecuente, colleu, xerais, partiu, azuis (neste caso, se a sílaba anterior é unha vogal átona, usarase a regra anterior, p.ex: saíu, contribuíu) * Das dúas regras anteriores, pon especial atención naquelas formas que causan xeralmente máis problemas: ruído, distribuír; colleu, partiu, xerais =====Sobre a normativa===== A maioría dos que colaboramos no proxecto somos informáticos, non lingüistas, e pensamos que non temos autoridade dabondo para opinar sobre a lingua, ou innovar sobre a normativa a empregar. É por iso polo que utilizamos a [[http://gl.wikipedia.org/wiki/Normativa_oficial_do_galego|normativa oficial]], que nos permite chegar á maior parte dos usuarios do galego, e que é a mellor solución en canto ó material de consulta dispoñible (dicionarios, normas ortográficas...). Polo tanto, tenta por favor evitar calquera discusión sobre o tema na lista de correo, xa que non vai levar a ningures. Por outra banda, hai xente que segue a preferir utilizar outras normativas. Malia que algunhas desas traducións estean distribuídas nas versións oficiais, aquí recollémolas na sección de Outras Normativas. Nas seccións correspondentes poñemos unha adaptación á normativa oficial. As razóns son evitar unha mestura de diferentes normativas, e facilitar tarefas como a comprobación e revisión das traducións. En canto ás variantes que permite a normativa oficial (ó/ao, dende/desde, segunda forma do artigo, etc...), obviamente non hai ningunha restrición, e cada un é libre de escoller o que queira. Limitámonos a transmitir a recomendación do ILG de utilizar a terminación -ble no canto de -bel, por ser aquela máis próxima á fala. Lembra de calquera xeito que debes tentar ser homoxéneo coa túa escolla ó longo da tradución. ===== Outras guías de estilo ===== Hai outras guías de estilo disponíbeis na rede. É interesante votarlles un ollo. * {{trasno:gl_guiaestilo_-_oficina_de_software_libre_osl_.pdf|Guía da OSL da UDC}}, elaborada por Iván Méndez López. * {{trasno:guia_de_estilo_para_a_localizacion_de_software.pdf|Guía para a localización de software ao galego}}, que serve de modelo á de mancomún. * Algúns tradutores dispoñen das súas proprias guías, que serven de referencia para as mellora da calidade das súas traducións. Pregunte na lista de correo para obter as últimas versións. ===== Outros textos lingüísticos de utilidade ===== * [[http://www.udc.es/snl/documentospdf/maiusculas_udc.pdf|Criterios de utilización de maiúsculas e minúsculas]], polo SNL da UDC.