Blogues

Publicouse Pology 0.10

O  día 2011-11-25  ás 15:05 publicouse a versión 0.10 de pology.

Parabéns ao equipo de desenvolvemento, ... e a gozalo os usuarios.

Actualización das regras do Pology

As regras do filtro check-rules da ferramenta pology foron actualizados segundo os acordos da Trasnada 11.0.

Esta actualización presenta regras básicas polo que é de esperar que polo momento detecten grande cantidade tanto de falsos positivos como falsos negativos.

Para mellorar na escollas das regras a aplicar a cada caso particular, engadiuse un ficheiro README onde se explica a estrutura dos identificadores das regras.

Asemade revisáronse as licenzas dos distintos ficheiros, que se distribúen sob unha BSD de 3 cláusulas no caso dos ficheiros de regras e no da documentación a «The FreeBSD Documentation License».

Publicación de GNOME 3.2, recursos lingüísticos e informe de tradución

Logo varios meses de duro traballo publicouse a nova versión de GNOME 3.2, a primeira versión dende a publicación do innovador contorno GNOME 3.0, co que o proxecto emprendeu unha gran reformulación da interface de usuario para transformarse nunha nova xeración de escritorio modernizado e deseñado tendo presente as novas tecnoloxías e dispositivos de hoxe en día e ás novas necesidades dos seus usuarios. Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados na nova concepción do escritorio GNOME 3. Con certo retraso agora publicamos o informe de tradución da versión 3.2 de GNOME ao galego.

O traballo neste ciclo consistiu na tradución e revisión das máis de 40.000 cadeas do núcleo deste contorno de escritorio e na anovación das cadeas en base aos novos consensos que a comunidade de localización galega leva acordado no último ano e medio.

Ademais cabe destacar que o importante incremento na porcentaxe de tradución da documentación, dun 11% no anterior ciclo até o 32% no actual. O cal fai aínda máis doado o uso do escritorio GNOME para os usuarios principiantes por contar con un recurso moi importante no idioma galeg. A día de hoxe o escritorio GNOME é un dos poucos proxectos localizados ao galego con dito nivel de tradución da documentación.

Este informe de tradución resume os cambios, melloras e eventos que aconteceron ao longo do último ciclo de tradución. Entre outros puntos o informe relata o proceso de tradución, os cambios no proceso de revisión, estatísticas de número de cadeas traducidas ao longo das versións, capturas de pantalla do estado do proxecto no Damned Lies e finalmente as perspectivas de futuro para os vindeiros ciclos.

Pode descargar o informe de tradución, memorias de tradución en formato TMX e compendios Gettext, ficheiros orixe por aplicativo e demais recursos desde este enderezo.

LibreOffice 3.3.3 listo para descarga

Versión recomendada para institucións e grandes entidades

Novidades desde Galician NL Project / Proxecto Galego de LibreOffice:

«A Document Foundation anuncia a dispoñibilidade da LibreOffice 3.3.3, unha nova edición da máis estábel versión da suite libre de produtividade de oficina, dirixida a usuarios corporativos. LibreOffice 3.3.3 xa está dispoñíbel para descarga desde o seguinte enderezo: http://www.libreoffice.org/download.

PNG - 3.2 KB

Conforme Thorsten Behrens, desenvolvedor e membro do Comité Executivo da TDF, “LibreOffice 3.3.3 resolve varios defectos e mellora a seguranza da suite, con especial énfase nas necesidades de implantación en entidades, onde a estabilidade é máis importante que funcionalidades novidosas. Esta ramificación será sostida ata finais de ano, para permitir unha transición suave e segura a LibreOffice 3.4.x.”

LibreOffice 3.3.3 está dispoñíbel para Windows, MacOS X e Linux (DEB e RPM), en máis de 100 idiomas diferentes (máis de dúas veces da cobertura idiomática cos produtos privativos comparábeis). Os usuarios de LibreOffice 3.3.2 están convidados a actualizar o seu software.»

Ver en liña : LibreOffice 3.3.3 listo para descarga

PS.

Contactos de prensa e medios

Florian Effenberger (para os próximos a Munich, Germany, UTC+1) Phone: +49 8341 99660880 – Mobile: +49 151 14424108 E-mail: floeff@documentfoundation.org – Skype: floeff

Olivier Hallot (para os próximos a Rio de Xaneiro, Brasil, UTC-3) Mobile: +55 21 88228812 E-mail: olivier.hallot@documentfoundation.org

Charles H. Schulz (para os próximos a Paris, Francia, UTC+1) Mobile: +33 6 98655424 E-mail: charles.schulz@documentfoundation.org

Italo Vignoli (para os próximos a Milán, Italia, UTC+1) VoIP: +39 02 320621813 – Mobile: +39 348 5653829 E-mail: italo.vignoli@documentfoundation.org Skype: italovignoli – Google Talk: italo.vignoli@gmail.com

Convidámosvos á festa de lanzamento de GNOME 3

Co lanzamento da versión 3, o proxecto Gnome dá un enorme salto cualitativo tanto dende o punto de vista tecnolóxico, como dende o punto de vista funcional. Deste xeito, a nova versión representa a nova xeración do escritorio libre por excelencia.
 
Para difundir a trascendencia deste lanzamento, o vindeiro xoves 28 de abril na aula 3.1 da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, celebraremos a Gnome 3 Lauch Party galega.
 
Para profundizar axeitadamente en Gnome3, temos preparado o seguinte programa:
 
  • 18:00 – 18:15    Presentación da GNOME 3 Launch Party Galicia
  • 18:15 – 18:45    Presentación do proxecto GNOME
  • 18:45 – 19:15    Demo de GNOME 3
  • 19:15 – 19:45    GNOME 3  galeguizado
  • 19:45 – 20:00    Sorteo de agasallos entre os asistentes, incluíndo un portátil con GNOME 3!!
A Launch Party galega está sendo organizada pola Asociación Ghandalf en colaboración coas Asociacións Gpul e a Asociación Trasno, contando co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Convenio 2011 coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre.
 
En base ao programa exposto, percorreremos a interesante historia do proxecto Gnome, amosando as importantes innovacións presentes tras do recente salto xeracional, para a continuación ver en acción o que Gnome 3 nos ofrece, e coñecer de primeira man o intenso traballo da comunidade galega de localización de Gnome, a cal posibilitou que todos nós poidamos disfrutar de Gnome 3 en galego dende o primeiro día.
 
Para rematar a launch party, repartiremos agasallos entre todos os asistentes. A maiores das camisolas, chapas, tazas, etc. conmemorativas do lanzamento, tamén podes conseguir un portatil con Gnome 3, listo para que poidas empregar a última versión deste exitoso escritorio libre!

Ubuntu 11.04 coa súa interface, unha vez máis, ao 100% en galego

Semella sinxelo, mais o traballo e moito, máis nesta versión en que Ubuntu cambia ao contorno de escritorio «Unity», porén, unha vez máis, o esforzo pagou a pena.

Certamente temos unha comunidade de tradución que merece todos os nosos parabéns, sendo de xustiza lembrar as excelentes relacións entre todos os equipos que conforman o Proxecto Trasno e que tamén teñen a súa parte importante neste logro, como son os equipos de Gnome, LibreOffice, Firefox, LXDE, KDE, etc...

orixinal da captura

Publicado o novo GNOME 3.0 ao 100% en galego

Benvidos ao futuro. Benvidos á nova versión do GNOME 3.0!

GNOME 3.0 é un fito moi importante na historia do Proxecto GNOME. Esta publicación introduce un novo paradigma no escritorio deseñado para os usuarios de hoxe en día e adaptado a un maior rango de dispositivos de computación.

As tecnoloxías de desenvolvemento de GNOME foron melloradas substancialmente nesta publicación 3.0. Modernizadas e racionalizadas, permitirá aos desenvolvedores fornecer unha mellora experiencia de usuario con menos tempo e esforzo. Ademáis GNOME 3.0 ven cos mesmos aplicativos de GNOME que os usuarios coñecen e nos que confían, a maioría dos cales recibiron importantes melloras.

Novidades no desenvolvemento

A versión 3.0 de GNOME introduce un novo escritorio. Elegante e bonito, foi deseñado para permitirlle ás persoas facer as cousas de forma sinxela, confortabel e baixo control. O escritorio 3.0 é a continuación do enfoque do Proxecto GNOME en fornecer un contorno de escritorio sinxelo de usar por todos. Esta versión inclúe unha gran cantidade de novas características.

Pode obter máis información sobre o escritorio de GNOME 3, incluíndo demostracións en vídeo, no sitio web específico de GNOME 3.

Novidades na tradución

En referencia á tradución, o Equipo de Tradución ao Galego do GNOME non quixo deixar de aproveitar o impulso e incríbel traballo dos desenvolvedores nesta publicación para tamén darlle un importante pulo ás traducións:

  1. Facendo, como xa é costume, que o idioma Galego sexa dos primeiros en ter completada a tradución.
  2. Mellorando a calidade das tradución mediante revisións ortográficas, técnicas e finalmente contextuais das traducións de tódolos aplicativos. 

Podedes botar unha ollada ao noso traballo diario nas seguintes ligazóns:

  1. http://wiki.trasno.net/GNOME/Verificaci%C3%B3n/Verificaci%C3%B3n_con_Posieve_en_GNOME_3.0
  2. http://wiki.trasno.net/GNOME/3.0/Traduci%C3%B3n (diario non completo)
  3. http://l10n.gnome.org/teams/gl

Agradecementos

Esta publicación non puido ser posíbel sen o intenso traballo e adicación da comunidade GNOME. Parabéns e grazas a todos os que o fixeron realidade. Finalmente eu, Fran Diéguez, como coordinador da tradución ao Galego quixera darlle unha especial mención neste caso aos que axudaron na tradución e apoiaron a mesma.

  1. Miguel Bouzada
  2. Darío Villar Veres
  3. Gonçalo Cordeiro
  4. Leandro Regueiro

e en xeral ao Proxecto Trasno grazas ao cal estamos facendo que os principais proxectos de Software Libre estean, tamén, na nosa ben querida lingua, lucindo con traducións harmonizadas e corrixidas.

O núcleo e a documentación de A batalla por Wesnoth completamente en galego

A batalla por Wesnoth O 9 de xaneiro do 2011 completouse a tradución e revisións do núcleo de A batalla por Wesnoth, conformado por máis de 3300 cadeas. A mellor parte de ter o núcleo completamente en galego é que resulta moi doado detectar erros de internacionalización, calquera texto que non apareza traducido no xogo e non sexa unha campaña (a documentación é allea á parte gráfica do xogo) é probablemente porque non está correctamente internacionalizado. Foi así como se detectou este pequeno erro. Os desenvolvedores do xogo solucionárono en menos dunha hora, e as novas cadeas froito desa corrección xa foron tamén traducidas ao galego.

Durante a revisión dos ficheiros de tradución, fíxose especial fincapé en empregar o vocabulario acordado durante a Trasnada '10, se ben hai que dicir que as traducións existentes xa se adaptaban bastante ben aos criterios escollidos na Trasnada, e non fixeron falla grandes cambios ao respecto. Foron de especial axuda as regras desenvolvidas por Marce Villarino para a detección de posibles casos mediante a ferramenta Pology de KDE.

Posterior ao fito de completar a tradución do núcleo, publicouse a versión 1.9.4 do xogo. A póla 1.9 é o que se chama unha “póla de desenvolvemento”, e aínda que se pode ir adiantando as traducións durante o seu desenvolvemento, estas non teñen un papel fundamental. Así, xusto antes de publicar esta nova versión actualizáronse os ficheiros de tradución con novos cambios nos textos en inglés, polo que algunhas das mensaxes da axuda do xogo aparecerán en inglés a pesares dos esforzos. Pero as traducións deses textos xa se enviaron, pouco despois da publicación desta versión, e estarán sen dúbida listas para a publicación da versión estable final, a 1.10, para a que aínda non hai planificada unha data de publicación.

E non se enviaron só as actualizacións dos textos do núcleo, senón que tras a publicación da versión 1.9.4 enviáronse tamén as revisións da documentación, que comprende as páxinas man e o manual web. Agora, no que respecta aos ficheiros oficiais do Wesnoth, só resta revisar a tradución das campañas e, finalmente, traducir as imaxes (que ata o momento non se traduciron nunca ao galego). Posteriormente barallarase a posibilidade de traducir tamén as campañas non oficiais.

Nos últimos días ademais solucionouse outro dos erros do xogo dos que informara o equipo de tradución ao galego, confirmouse outro, e informouse dun terceiro relacionado co manual interno do xogo. Isto foi consecuencia do propio proceso de tradución, que esixe fixarse en todos os detalles, e que como se pode comprobar acaba axudando directamente ao propio desenvolvemento do xogo. Esperemos que se vaian solucionando para que a versión final sexa unha verdadeira xoia.

Aquí pode verse o estado de toda a tradución ao galego (o núcleo confórmano os primeiros nove ficheiros). Estoutra é unha lista das linguas en que está dispoñible o núcleo do xogo (o galego de primeiro). Se quere colaborar na tradución do xogo, vaia á páxina de A batalla por Wesnoth en Trasno.

A edición beta 2 de LibreOffice xa se pode instalar en galego

Xa está aquí a primeirísima ocasión para instalar en galego a suite de oficina LibreOffice. A evolución de OpenOffice coa que se celebra o 10 aniversario da comunidade. En Trasno ademais de presentarvos este novo proxecto ofrecemos un pequeno tutorial de instalación para guiarvos paso a paso. Animádevos a serdes os pioneiros usuarios de LibreOffice

Como o seu nome indica xa non só é aberta senón que o seu maior valor neste momento de arranque do proxecto LibreOffice, ao abeiro da The Document Foundation é que está totalmente baixo o control da comunidade. Agora está libre de compromisos e evolucionando a grande velocidade.

A comunidade galega xa está comezando a dar o seus primeiros froitos. Únete e colabora poñendote en contacto co equipo galego

Publicado o novo Ubuntu Maverick co 100% da súa interface en galego

Logotipo do Ubuntu Galician translators
A Ubuntu 10.10, publicada onte 10-10-10 ás 10:10:10, anunciada como o «Perfect 10» acadou un fito ben importante para a comunidade de localización de software libre. Por primeira vez acadamos o nivel do 100% de tradución ao galego, superando así o 86% que xa acadaramos na pasada versión LTS.

Seguimos mellorando a calidade das traducións e aumentando a porcentaxe da mesma. Sen dúbida isto non sería posíbel sen a colaboración dos proxectos orixinais, dos que está formado Ubuntu, e do traballo alí feito. Proxectos como KDE, GNOME, XFCE, Debian, Translation Project e moitos máis.
 
Isto permítenos dicir que actualmente o Galego é unha das 6 únicas linguas coa porcentaxe de tradución ao 100%. Linguas tan importantes (en número de falantes) como o castelán, inglés da Gran Bretaña, Alemán ou Portugués do Brasil.
 
Se queres formar parte deste equipo tes unha boa oportunidade no 1º festival de tradución de software libre ao galego que se celebra este sábado na localidade de Ordes. No cal tentaremos entre todos os asistentes atopar e solucionar erros nas traducións e acadar consensos entre todos os proxectos de localización de software libre ao Galego. Porén, se nunca traduciches un aplicativo podes asistir ao festival xa que nel teremos sesións de introdución para que traducir os teus aplicativos favoritos sexa doado e divertido.