Blogues

Publicado o novo Ubuntu Maverick co 100% da súa interface en galego

Logotipo do Ubuntu Galician translators
A Ubuntu 10.10, publicada onte 10-10-10 ás 10:10:10, anunciada como o «Perfect 10» acadou un fito ben importante para a comunidade de localización de software libre. Por primeira vez acadamos o nivel do 100% de tradución ao galego, superando así o 86% que xa acadaramos na pasada versión LTS.

Seguimos mellorando a calidade das traducións e aumentando a porcentaxe da mesma. Sen dúbida isto non sería posíbel sen a colaboración dos proxectos orixinais, dos que está formado Ubuntu, e do traballo alí feito. Proxectos como KDE, GNOME, XFCE, Debian, Translation Project e moitos máis.
 
Isto permítenos dicir que actualmente o Galego é unha das 6 únicas linguas coa porcentaxe de tradución ao 100%. Linguas tan importantes (en número de falantes) como o castelán, inglés da Gran Bretaña, Alemán ou Portugués do Brasil.
 
Se queres formar parte deste equipo tes unha boa oportunidade no 1º festival de tradución de software libre ao galego que se celebra este sábado na localidade de Ordes. No cal tentaremos entre todos os asistentes atopar e solucionar erros nas traducións e acadar consensos entre todos os proxectos de localización de software libre ao Galego. Porén, se nunca traduciches un aplicativo podes asistir ao festival xa que nel teremos sesións de introdución para que traducir os teus aplicativos favoritos sexa doado e divertido.

Traducións dos productos Mozilla

O grupo de tradución ao galego dos aplicativos de Mozilla ven de publicar na súa web (http://galician.mozdev.org/) as ligazóns das vindeiras versións (aínda en probas) do Thunderbird e Firefox.

Co cambio da coordinación (hai xa máis de 6 meses), agora a cargo de Enrique Estévez Fernández, os de Mozilla estanlle a pór as cousas difíciles, máis a tradución de ámbolos produtos a día de hoxe, está ao 100% grazas ao mantemento realizado polo coordinador desde que asumiu a coordinación, este é quen está a soportar practicamente todo o traballo de mantemento das traducións, xestión, contacto cos de Mozilla...

Actualmente pode ollarse que as traducións están libres de erros, isto pode verse na propia páxina de Mozilla http://l10n.mozilla.org/webdashboard/?locale=gl.

Con toda esta gran labor esperamos que os de Mozilla respondan e poidamos dispor das vindeiras versións do Firefox e máis do Thunderbird en galego nos paquetes oficiais.

Publicado o novo GNOME 2.32 co 100% da interface traducida e o 10% da documentación

GNOME logoDesde o grupo de tradutores de GNOME ao galego vimos de colaborar na publicación do GNOME 2.32 seguindo a planificación de desenvolvemento de GNOME. Trátase da última versión do escritorio GNOME da rama 2.x para a que de agora en diante só se publicarán versión de mantemento. Estamos moi ilusionados xa que este supón o último paso para chegar á esperada GNOME 3.0 que agardamos ter lista para abril de 2011

Como xa ven experimentando desde fai algunhas versións de GNOME, GNOME 2.32 atópase traducida ao 100% ao galego grazas ao todos os compoñentes da nosa pequena máis intensa comunidade de voluntarios de tradución ao galego de GNOME. Desde aquí queremos destacar o traballo de colaboración de Marcos Lans, Carlos Real e aos asistentes ao Curso de Localización de Software Libre da USC polo seu esforzo.

Un dos puntos máis salientábeis e novidosos desta publicación é que agora cóntase co 10% da axuda ao usuario traducida. GNOME está experimentando grandes cambios tecnolóxicos internos o que se reflicte na creación dunha nova documentación. Desde o grupo de tradución ao Galego de GNOME non quixemos deixar de aproveitar esta oportunidade e xa estamos levando a cabo o proceso de tradución desta nova documentación.

Animámosvos a que colaboredes con esta laboura contactando co gupo a través da rolda de correo de tradución ao galego de GNOME ou a través do Proxecto Trasno, do que formamos parte a meirande parte dos proxectos de tradución ao galego de Software Libre.

O escritorio GNOME 2.32 vén, como en cada nova versión, con características novas, melloras, solucións a erros e traducións, se ben é certo que GNOME 2.32 non presenta unha gran cantidade de novas funcionalidades nos aplicativos xa que os desenvolvedores de GNOME continúan enfocando o seu traballo na preparación da vindeira versión GNOME 3.0.

Ademais tamén foron traducidas as notas de publicación de GNOME 2.32 polo que todos os que esteades interesados en ver as características máis interesantes de cara ao usuario podedes velas desde alí.

Nova rolda de coordinación das traducións ao galego do GNOME

1887686781_0e61f0d068Logo dun proceso de votación dentro do grupo de tradutores de GNOME ao galego xa fai uns cantos meses e trala súa solicitude, a GNOME Foundation acaba de concederlle ao grupo de tradutores a rolda oficial gnome-gl-list almacenada nos seus servidores.

O novo enderezo da rolda é: http://mail.gnome.org/mailman/listinfo/gnome-gl-list 

Para enviar mensaxes a esta rolda pódese enviar un correo ao enderezo: gnome-gl-list en gnome.org.

Esta nova rolda ven a substituír a antiga rolda gnome@g11.net e pasará a ser o punto central de discusión e desenvolvemento do GNOME en galego usando a mesma infraestrutura que os compañeiros doutros idiomas levan usando dende fai bastante tempo.

O propósito desta rolda é ser o punto central onde os usuarios de GNOME en Galego poidan enviar erros de tradución e para os integrantes do grupo ter un punto centralizado de coordinación das traducións. Ademais ao estar aloxados nos servidores de GNOME permitimos que os membros ou supra-coordinadores de GNOME poidan ter un acceso directo connosco. 

Nos vindeiros días tentarase importar as anteriores mensaxes que estaban en primeira instancia na rolda de Mancomun e na actual gnome en g11n.net

Contorno de escritorio GNOME

Que é GNOME?

GNOME é un entorno de escritorio para plataformas Unix|Linux, empregando como base as librerías GTK+ o que permite ter un entorno amigable e sinxelo para o usuario. Este escritorio ten unha competencia amigabel con KDE, que é outro escritorio moi importante no software libre. Os dous traballan concienzudamente para mellorar as prestacións para os
usuarios e para os desenvolvedores de aplicacións, cada 6 meses GNOME lanza unha nova versión do seu escritorio con melloras e correción de erros. GNOME ten unhas aplicacións importantes dentro do seu proxecto pero que non forman parte do seu sistema base como pode ser o GIMP, programa de manipulación de imaxes, Anjuta, IDE de programación....

Aquí embaixo podedes ver algunhas capturas de pantalla do que ven sendo un escritorio de GNOME:



pantallazo2.jpg

Quen coordina o grupo galego?

O coordinador actual do grupo de tradución a galego é Fran Diéguez. Podes contactar con el no seu enderezo de correo electrónico.

Como podo axudar?

Se queres colaborar na tradución dalgún paquete,terás que contactar co coordinador para que faga a asignación. Non esquezas mirar a páxina de recursos para os tradutores.

Tamén é importante a axuda dos que comunican os erros de tradución. Se atopas un, escribe ao coordinador, á lista, ou mesmo no bugzilla de GNOME.

Que hai mal na tradución?

Este apartado da páxina é para que o editedes. Para que poñades todos os erros, ou cousas que pensades que poderían estar mellor na tradución dalgún programa.

Memorias de tradución

Na seguinte páxina podedes atopar as memorias de tradución de Gnome.

Estado da tradución

Se tes interese de ver o estado actualizado das traducións podes pasarte por http://l10n.gnome.org/teams/gl

Táboas de estatísticas:

  • Gnome 3.0 - versión de desenvolvemento
  • Gnome 2.30 - versión estábel actualmente (marzal de 2010) co 100% de tradución realizada
  • Gnome 2.28 - versión obsoleta co 99% de tradución.
  • Extras/Fifth toe/Office: Programas que forman parte do proxecto GNOME pero que non son parte do sistema base: Opcionais

Historia do grupo de tradución

  • Setembro de 1999: O equipo de traducion galego fíxose oficial no GNOME Translation Project, con Jesús Bravo Álvarez como primeiro coordinador.
  • Abril de 2001: Apareceu a versión 1.4 de GNOME, a primeira con soporte parcial de galego.
  • Xuño de 2005: Nacho tomou a tarefa de coordinación, tras varios meses como principal contribuidor de traducións.
  • Setembro de 2005: Aparece GNOME 2.12, a primeira versión completamente soportada en galego.
  • Marzo de 2006: Sae GNOME 2.14, versión totalmente actualizada e corrixida.
  • Outubro de 2006: Traducida a versión de GNOME 2.16.
  • Marzo de 2007: Gnome 2.18; Como sempre Gnome segue estando traducido ao galego.
  • [...]
  • Febreiro de 2010: Fran Diéguez toma o relevo da coordinación do GNOME logo de ter colaborado no proxecto por algo máis de 2 anos.