Acaba de publicarse openSUSE 11.3 e témola en galego

Acaba publicarse a última versión da distribución openSUSE e trae moitas melloras entre as que se poden resaltar as últimas versións dos ambientes de escritorio máis populares e versións actualizadas do software máis usado.

O equipo de tradución de opensuse de Trasno, formado por Manuel A. Vázquez, Leandro Regueiro, Miguel Branco, Enrique Estévez, Xosé Calvo, Óscar Abilleira Muñiz, Chema Barcala, Andrés Elías Feijóo Lorenzo e Karl García Gestido conseguiu chegar a un nivel de tradución do 84% o que supón estar entre as 20 linguas con bo soporte lingüistico. Esperamos en sucesivas versións mellorar a calidade das tradución e chegar a un soporte completo.

captura de pantalla de openSUSE 11.3

A nova versión de openSUSE inclúe compatibilidade con sistemas de 32 e 64 bits e unha chea de nova características e actualizacións entre as que podemos citar a inclusión de SpiderOak para a sincronización de balde de ficheiros a través de Internet, indexación mellorada con Tracker, actualizacións en Mozilla Firefox e Thunderbird e moitos outros programas. Outras características son a compatibilidade para o sistema de ficheiros Btrfs e para miniportátiles. Ademais os usuarios poderán gozar dunha mellor compatibilidade co hardware grazas ao uso do kernel Linux 2.6.34 e controladores gráficos actualizados e a nova e mellorada compatibilidade para a última xeración de dispositivos con pantallas táctiles.

openSUSE distribúese cos tradicionais ambientes de escritorio KDE, GNOME e Xfce e ademais tamén inclúe o novo ambiente de escritorio LXDE como novidade. Respecto a GNOME o usuario terá a posibilidade de usar a versión 2.30.1 ou instalar unha versión previa do futuro GNOME 3.0. Tamén poderá gozar de KDE SC 4.4.4 cas últimas actualizacións. Independentemente da opción escollida o usuario poderá gozar da integración e limpeza pola que é recoñecida a distribución openSUSE.

Para os servidores e plataformas de desenvolvemento os administradores poden aproveitar ao máximo os novos servizos MariaDB e MySQL Cluster así como tamén usar Conntrack para filtrar os paquetes de rede. Os desenvolvedores agradecerán a plétora de ferramentas dispoñibles entre as que podemos citar GCC, GDB e MONO e IDEs como Netbeans, Qt-Creator e moitos outros. Todo isto aproveita as incontables bibliotecas dispoñibles a través do openSUSE Build Service (OBS).

Esta nova versión pódese descargar dende a sección de descargas de openSUSE.

Como sempre convidámosvos a participar na tradución desta distribución ao noso idioma. Os interesados poden visitar a sección do noso web sobre deste proxecto de localización, que coordinan Manuel A. Vázquez e Leandro Regueiro, os cales vos poderán informar de como podedes colaborar.