Acaba de publicarse Xfce 4.8

Fallou o acceso OpenID.

Despois de máis de dous anos de desenvolvemento vén de publicarse este 16 de xaneiro a última versión de Xfce, a 4.8.

Esta versión de Xfce é a primeira en incluír traducións revisadas para cumprir cos acordos adoptados na primeira Trasnada celebrada en Ordes o ano pasado. En concreto realizáronse máis de 600 cambios puntuais dos cales a maior parte consistiron en substituír «fiestra» por «xanela» e «command» por «orde». Este traballo de revisión e homoxeneización vén de completar a revisión iniciada hai dous anos polo Proxecto Trasno para uniformizar a terminoloxía usada na tradución de Xfce.

Ademais das importantes melloras na calidade e homoxeneidade das traducións consonte aos últimos acordos adoptados respecto á terminoloxía, tamén se incrementou o número de traducións tanto do núcleo de Xfce como dos seus complementos e aplicativos.

Esta nova versión inclúe melloras na integración cas últimas tecnoloxías e estándares de ambientes de escritorio, actualizacións en boa parte dos aplicativos, novos aplicativos, máis complementos, melloras no sistema de configuración, e incluso versións reescritas desde cero de algúns dos aplicativos existentes. Ademais na nota de publicación oficial resáltase a facilitación do labor de tradución desde hai un ano ca implantación dun servidor Transifex propio, que aumentou o número das contribucións realizadas.