A Asociación Proxecto Trasno convoca os Premios aos mellores PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n)

Logotipo do Proxecto Trasno

A Asociación Proxecto Trasno, ao abeiro do Convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Modernización e innovación tecnolóxica e as asociacións galegas de Usuarios de Software Libre, realiza a convocatoria dos Premios aos mellores PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n).

Estes premios concederánselle ao mellor desenvolvemento, mellora ou implementación dun desenvolvemento en Software Libre no campo da tradución e a localización, ou o apoio lingüístico ao galego e incluso a outros idiomas. Está destinado a estudantes universitarios con proxectos de fin de carreira presentados durante os cursos académicos 2010-2011 ou 2011-2012. Concederanse dous premios de diferente contía.

Coa concesión destes premios preténdese incentivar o desenvolvemento de Software Libre orientado á creación e mellora de ferramentas para o apoio da tradución e localización entre os alumnos universitarios ou recentemente licenciados.

O prazo de envío de candidaturas estará aberto ata o 4 de Novembro de 2011. A resolución do xurado publicarase durante a semana seguinte durante un acto público.

As bases da convocatoria, e o procedemento para concorrer na mesma, están dispoñíbeis na seguinte ligazón.