A batalla por Wesnoth

A batalla por WesnothA batalla por Wesnoth é un xogo de estratexia por roldas ambientado nun mundo fantástico, Wesnoth. Caracterízase por unhas regras moi simples, e xógase en mapas hexagonais (formados por hexágonos).

Tradución

Antes de comezar a traducir

Recursos xerais de tradución

Tanto se é un tradutor con experiencia como se aínda está introducíndose na materia, sempre está ben botarlle unha ollada á páxina dos recursos. O seu contido pode resolverlle moitas dúbidas, e serlle de moita utilidade á hora de traducir.

Convencións

Certos termos que aparecen no xogo non os acuñan os tradutores de rolda, senón que se adoitan decidir por acordo entre os tradutores de todo o Proxecto Trasno, xeralmente mediante unha ou varias enquisas a través da lista de correo do proxecto.

Esta costume iniciouna Leandro Regueiro (unho), que enviou enquisas á lista de correo para chegar a un acordo respecto dos nomes das unidades do xogo. Por aquel entón, unha vez decididos os nomes mediante acordo xeral, Leandro procedeu a aplicar os cambios, e nas cadeas en que aplicou ditos cambios engadiu un comentario explicando que o a tradución do termo fora fixada.

Porén, aproveitando as novas tecnoloxías de que dispoñemos, agora os termos cuxa tradución deba coordinarse (nomes de tipos de unidades, nomes de personaxes, nomes de lugares, etc.) poden engadirse ao Glósima (previa solicitude de permisos a admin en trasno.net). De cando en vez poderase facer unha lista dos termos cuxa tradución non está fixada, facer unha enquisa na lista, e (engadir ao glosario e) marcar como fixadas aquelas traducións froito do acordo entre os trasnegos.

Este glosario pódese descargar, pero dadas as limitacións dalgunhas aplicacións para manexar axeitadamente os ficheiros TBX, poida que sexa mellor facer a consulta directamente en liña, e se cadra propoñer de paso traducións alternativas para os termos que aínda non se fixasen ─ou para os que xa se fixaron, pero ao traducir debe aplicarse a tradución fixada─.

Material traducible A batalla por Wesnoth

Nestes momentos estase traballando na póla de desenvolvemento 1.9 (trunk). A continuación poderá ver unhas listas de ficheiros traducibles, co seu correspondente código en letra grosa. Coñecer o código resultará moi útil, especialmente á hora de traballar con guións.

Paquetes oficiais

No sitio web do Wesnoth hai estatísticas automatizadas sobre o estado das traducións da póla estable e da póla en desenvolvemento.

Núcleo

  • wesnoth, coas cadeas máis xerais. Contén entre outras as cadeas da topografía dos mapas ao chou, as da lista de autores, etc.
  • wesnoth-lib, con cadeas comúns a todas as partes do xogo. Contén entre outras as cadeas para a nova interface da sala de espera para partidas con varios xogadores, cadeas para a páxina de configuración, as cadeas dos menús (que tamén aparecen na lista de atallos da configuración do xogo), etc.
  • wesnoth-editor, coas cadeas específicas do editor de mapas do xogo.
  • wesnoth-help, coas cadeas da axuda.
  • wesnoth-units, coas cadeas das unidades do xogo xunto coas súas descricións e armas.
  • wesnoth-multiplayer, coas cadeas para as partidas con varios xogadores.
  • wesnoth-test, unha cadea da que non hai que preocuparse.
  • wesnoth-anl, coas cadeas para “Unha nova terra”, un escenario para xogar varios xogadores á vez.
  • wesnoth-tutorial, coas cadeas da aprendizaxe do xogo.

Documentación

Campañas

  • wesnoth-aoi, “Unha incursión de orcos”.
  • wesnoth-did, “O descenso á escuridade”.
  • wesnoth-dm, “As memorias de Delfador”.
  • wesnoth-dw, “Augas mortas”.
  • wesnoth-ei, “A invasión do leste”.
  • wesnoth-httt, “O herdeiro ao trono”.
  • wesnoth-l, “A liberdade”.
  • wesnoth-low, “A lenda de Wesmere”.
  • wesnoth-nr, “O renacemento do norte”.
  • wesnoth-sof, “O cetro de lume”.
  • wesnoth-sotbe, “O fillo de “Ollo negro””.
  • wesnoth-tb, “Un conto sobre dous irmáns”.
  • wesnoth-thot, “O martelo de Thursagan”.
  • wesnoth-trow, “A orixe de Wesnoth”.
  • wesnoth-tsg, “A garda do sur”.
  • wesnoth-utbs, “Baixo os ardentes soles”.

Futuras traducións

No futuro ─en canto se acade o 100% nas traducións dos paquetes oficiais─ traballarase tamén na tradución das campañas non oficiais, así como outros contidos alternativos. Asemade, se se chega ao acordo de traducir o nome do xogo ─por exemplo, por «A batalla por Wesnoth»─, poderase traducir o logotipo do mesmo. Tamén se poderán traducir os mapas e outras imaxes, coma as que acompañan o manual.

Informar dun erro A batalla por Wesnoth

Se atopa un erro na tradución do xogo ten tres posibilidades: (1) informar ao tradutor do ficheiro correspondente ─se sabe de que ficheiro se trata e hai un tradutor traballando nel─, (2) informar ao coordinador ou (3) unirse ao equipo de tradución e solucionar vostede mesmo o erro ─en caso de que ninguén estea traballando nese ficheiro nese momento─.

Tamén é posible ─ou mesmo probable nas primeiras versións das pólas estables ou calquera das de desenvolvemento─ que mentres se anda a voltas co xogo para contextualizar as traducións e así poder traducir correctamente, se descubra que o xogo non vai como debería. Por exemplo: que algún elemento non se poida traducir, que despois de compilar a tradución un texto siga en inglés ou calquera outro comportamento que se saia do que se consideraría o “funcionamento normal” do xogo. Nestes casos, o mellor é contactar por IRC cos desenvolvedores do Wesnoth (canle #wesnoth-dev en FreeNode) e preguntarlles a eles se o que lle pareceu un erro é o comportamento normal ou se pola contra se trata dun comportamento imprevisto, é dicir, un erro. Neste caso, haberá dúas posibles formas de proceder: (1) deixar que se encargue algún dos desenvolvedores da canle IRC ou (2) informar do erro en bugs.wesnoth.org. O proceder a seguir deberase consultar cos desenvolvedores aos que se lles preguntou previamente polo erro na sala de conversa.

Se os erros se atopan nas cadeas orixinais en inglés, deberase informar deles no wiki de Wesnoth, onde se debe especificar no apartado axeitado cal é a cadea orixinal (ou un fragmento), e cal é a súa corrección. Non estaría de máis marcar a corrección con letra grosa se non é moi evidente.

Solicitar traballar nun ficheiro

Para evitar conflitos na tradución dos ficheiros, antes de comezar a traballar na tradución ou revisión dun cómpre asegurarse de que ninguén está traballando actualmente nel. Para iso abonda con enviarlle un correo electrónico ao coordinador indicando os datos persoais ─en caso de ser a primeira vez que se traballa na tradución do xogo─ e a tradución na que se quere traballar.

Traducir

A continuación explícase como obter un ambiente de traballo para traducir o Wesnoth, isto é, os ficheiros necesarios para traducilo, e algúns adicionais para axudar na tradución. Este ambiente de traballo pode obterse manualmente ─para os que queiran executar manualmente todas as ordes necesarias ou realizar algunhas operacións en modo gráfico─ ou mediante unha serie de guións que axilizan todo o proceso de tradución do xogo. O segundo é o método recomendado, pero que quede claro que para traducir o xogo abondará con seguir as instrucións para descargar manualmente a copia do SVN.

Ambiente de traballo manual

O primeiro será crear un cartafol no que se gardarán os ficheiros para a tradución do xogo (por exemplo, «~/traducións/wesnoth»). As seguintes instrucións asumirán, salvo que se indique o contrario, que se traballa dende este directorio de traballo específico para a tradución do xogo.

Descargar unha copia da tradución manualmente

Os ficheiros para traducir A batalla por Wesnoth están aloxados no SVN da Forxa (un servizo de Mancomún). Estes ficheiros poden descargarse de xeito anónimo mediante:

svn checkout https://forxa.mancomun.org/svn/b4wesnoth-gal gl

Deste xeito poderá obter os ficheiros da tradución, pero non poderá enviar os cambios directamente, senón que terá que enviarllos ao coordinador para que el os suba ao SVN. Poderá evitar este paso intermedio rexistrando un usuario na páxina da Forxa e comunicándollo ao coordinador. Neste caso terá que utilizar a seguinte orde para facer o checkout en vez de a anterior:

svn checkout --username USUARIO https://forxa.mancomun.org/svn/b4wesnoth-gal gl

Lémbrese que esta operación se debe facer con respecto ao directorio previamente creado para os ficheiros de tradución do Wesnoth. A descarga da copia da tradución debería quedar nun cartafol ─en principio gldentro do directorio para os ficheiros de tradución do Wesnoth, dado que nun futuro ─ou agora mesmo─ pode que queira descargar e crear outros cartafoles e ficheiros que forman tamén parte do proceso de tradución de Wesnoth pero que son alleos á tradución que hai aloxada no SVN.

Descargar o glosario

Como xa se mencionou antes, en Glósima hai un glosario específico de Wesnoth. Cómpre descargalo e gardalo no directorio dos ficheiros de tradución de Wesnoth ─ao mesmo nivel que a copia do SVN, gl─. Pódese nomear, por exemplo, glosario.tbx.

Proceso manual de tradución

Xa se forneceron instrucións para conseguir os ficheiros. Agora explicaranse as pautas que se deben seguir á hora de traducir os ficheiros para evitar conflitos. Nótese que existen programas para xestionar as copias SVN que permiten realizar algunhas das tarefas a continuación mencionadas de maneira gráfica.

  1. Actualice a súa copia local dos ficheiros de tradución. Para iso abonda con facer «cd DIRECTORIO ; svn up», onde DIRECTORIO será o directorio onde están as traducións locais (de maneira predeterminada «gl», non confundir co directorio base dos ficheiros de tradución).
  2. Traduza, un ou varios ficheiros, pero sempre os ficheiros que lle foron asignados ─e que por tanto ninguén máis debería editar─. Máis adiante amósanse distintos métodos a seguir para traducir o xogo correctamente.
  3. Envíe os cambios realizados ao servidor na Forxa. Para iso abonda con facer «cd DIRECTORIO ; svn ci -m "MENSAXE"», onde DIRECTORIO será o directorio onde están as traducións locais e MENSAXE será unha descrición dos cambios realizados.

Cando remate coa tradución completa dalgún ficheiro, non esqueza notificarllo ao coordinador para que a envíe aos desenvolvedores.

Ambiente de traballo automatizado

Existe unha forma máis doada de traballar coas traducións, aproveitando o uso dunha serie de guións que axilizan gran parte das tarefas que hai que facer para traducir o Wesnoth, especialmente para os coordinadores.

Instalar o ambiente de tradución

Para poñer en marcha un ambiente de tradución automatizado para A batalla por Wesnoth abonda con descargar o guión de instalación (ou pedirllo por correo electrónico ao coordinador) e executalo fornecéndolle como argumento a ruta dun directorio que aínda non exista ou que estea baleiro ─por seguridade─, e que non remate en «/». Por exemplo, se estamos no directorio no que descargamos o guión, poderíamos executalo do seguinte xeito:

chmod +x ./primeiravez.sh # Dámoslle permisos de execución ao guión.
./primeiravez.sh /home/usuario/trasno/wesnoth

A continuación o guión realizará unha serie de preguntas para así configurar o ambiente de tradución do xogo.

Dispón vostede dunha conta no servidor SVN da Forxa (s/N)?

Esta pregunta busca confirmar que o usuario ten unha conta no servidor da Forxa, pois esta será necesaria de cara a colaborar coa tradución do xogo. Asegúrese de que ten unha, e se non a ten créea. En canto teña a conta ─se é que non a tiña xa─, prema «s» para continuar.

Usuario:

Unha vez confirmado que ten unha conta no SVN da Forxa, terá que fornecerlle ao instalador o seu nome de usuario.

Vai vostede traballar como coordinador do proxecto (s/N)?

Agora, salvo no caso de que sexa vostede o coordinador, deberá contestar a esta pregunta negativamente, «n».

En que póla de desenvolvemento quere traballar, estable ou inestable (E/i)?

Agora debería indicar se quere traballar na póla estable («e», valor por omisión) ou na inestable, que é a de desenvolvemento («i»). Nestes momentos estamos a traballar coa póla inestable, así que debería introducir «i».

E con isto xa terá vostede un directorio listo para traballar na tradución de A batalla por Wesnoth. Agora mesmo só resta levar a cabo dous pasos: adoptar os ficheiros asignados a vostede por parte do coordinador, e preparalos.

Adoptar ficheiros

Adoptar ficheiros consiste en configurar o ambiente de tradución para que saiba con que ficheiros imos traballar, é dicir, aqueles que nos foron asignados por parte do coordinador. Os guións están preparados para a posibilidade de adoptar varios ficheiros á vez, pero recoméndase adoptar só un de cada vez para aforrar problemas. Unha vez se nos asignou un novo ficheiro para traducilo ou revisalo, adoptarémolo mediante o guión adoptar, que atoparemos no directorio de guións do ambiente de tradución.

/ruta/do/ambiente/de/tradución/guións/adoptar.sh CÓDIGO

Onde CÓDIGO será o código do ficheiro que se nos asignou ─en caso de ser máis dun, os códigos irán separados por espazos en branco─. O seguinte, executado dende o directorio dos guións, podería ser un exemplo:

./adoptar.sh wesnoth-lib

O proceso de adopción sobrescribe os ficheiros que se adoptasen previamente, polo que cando se estea adoptando un ficheiro conservando os que xa se teñen adoptados, será necesario fornecer ditos ficheiros xunto cos novos na chamada ao guión.

Preparar ficheiros

Cando se vaia empezar a traballar con ficheiros que non se modificaron dende a última vez que o coordinador enviou os cambios ao “upstream”, cómpre preparalos antes de empezar a revisalos ou traducilos. Preparar un ficheiro consiste en importalo dende o SVN de Wesnoth en lugar de traballar a partir do ficheiro no SVN da Forxa. Isto é unha medida preventiva, dado que de cando en vez os encargados da internalización do Wesnoth realizan cambios particulares nos ficheiros enviados polo coordinador sen avisar de que os fan (pois asumen que os tradutores traballamos directamente co SVN do Wesnoth, e non é tal).

Por seguridade, salvo o coordinador, ninguén pode preparar ficheiros que non adoptou previamente. Para preparar un ou varios ficheiros, utilízase o guión preparar.sh:

/ruta/do/ambiente/de/tradución/guións/preparar.sh CÓDIGO

Onde CÓDIGO será o código do ficheiro a preparar ─en caso de ser máis dun, os códigos irán separados por espazos en branco─. Pódese omitir o CÓDIGO, en cuxo caso se prepararán todos os ficheiros adoptados.

Proceso automatizado de tradución

Unha vez o ficheiro ou ficheiros están adoptados e preparados, o proceso de tradución consistirá en ir traducindo de cando en vez e subindo os cambios que se vaian facendo ao servidor SVN da Forxa, e unha vez completada a tradución ou revisión do ficheiro ou ficheiros, informar ao coordinador para que mande a tradución completa aos desenvolvedores do xogo.

O proceso de tradución consistirá en seguir as seguintes pautas ─cada vez que se vaia avanzar na tradución─: actualizar, traducir e enviar.

Actualizar a copia local

Cada vez que se vaia avanzar na tradución dun ficheiro, cómpre antes actualizar a tradución. O proceso de actualización da tradución consiste en obter a última versión da Forxa de todos os ficheiros ─por se o coordinador fixo cambios, e simplemente para ter tamén as últimas versións das traducións que están a facer o resto dos tradutores─ e mesturar os ficheiros cos que se vai traballar coa última versión das cadeas orixinais en inglés.

A parte da actualización dos cambios no SVN da Forxa non implica risco algún, pero por seguridade, salvo o coordinador, ninguén pode mesturar ficheiros que non adoptou previamente coa súa última versión das cadeas orixinais en inglés. Todo este proceso realízase mediante o guión actualizar.sh:

/ruta/do/ambiente/de/tradución/guións/actualizar.sh CÓDIGO

Onde CÓDIGO será o código do ficheiro a mesturar coas cadeas orixinais en inglés ─en caso de ser máis dun, os códigos irán separados por espazos en branco─. Pódese omitir o CÓDIGO, en cuxo caso se mesturarán todos os ficheiros adoptados.

Avanzar a tradución

Tras realizar a actualización (e mestura) dos ficheiros cuxa tradución se pretende avanzar, toca avanzar dita tradución. Débense traducir sempre os ficheiros que lle foron asignados ─e que por tanto ninguén máis debería editar─. Máis adiante amósanse distintos métodos a seguir para traducir o xogo correctamente.

Enviar os cambios

Unha vez que se deixe de traballar nos cambios ─ata outro momento─, cómpre envialos ao SVN da Forxa. Para iso abonda con executar o guión enviar.sh:

/ruta/do/ambiente/de/tradución/guións/enviar.sh MENSAXE

Onde MENSAXE será unha descrición dos cambios realizados, entre comiñas dobres («"»).

Proceso de tradución dos ficheiros

Métodos de tradución

É un feito innegable que para traducir correctamente o xogo non queda outra que xogalo. Cando se traduce o editor, hai que probar o editor, investigar todas as súas funcionalidades. Cando se traduce unha campaña, hai que xogar a campaña, completa, xogando todos os posibles camiños nos casos en que haxa máis dun, e ata o último escenario. En fin, esta realidade é común a calquera método.

Os métodos exploran as posibles formas de combinar xogo e tradución, pois de pouco serve xogar unha campaña e traducir cun contexto “de memoria”.

Método das capturas de pantalla

Un método consiste en xogar (ou explorar) aquilo que imos traducir, e ir facendo capturas de pantalla dos textos que vaian aparecendo. Cando rematemos a partida (ou exploración), utilizaranse as capturas para recordar onde ía cada cadea de texto e así termos claro o contexto de cara á tradución.

Método da tradución durante a partida

Outra alternativa consiste en ir traducindo directamente as mensaxes mentres se xoga, tendo aberto o programa de tradución e poñendo o xogo en modo fiestra, o que permite ir cambiando dunha fiestra á outra cando aparezan novas mensaxes. O malo é que o proceso pode acabar coa parte divertida do asunto, pois traducir implica moito máis tempo e concentración que tomar unha captura de pantalla.

Tradutores

A seguinte é a lista de tradutores do xogo, pasados e presentes, tal e como se reflicte nos créditos do xogo:

Véxase tamén