O Proxecto Abalar e o galego

Esta semana estivemos a recibir información de como se estaba executando o Proxecto Abalar que levará ás aulas este ano uns 15.000 netbooks. Nestes momentos sabemos que levarán un Ubuntu Netbook Edition e que contará con soporte lingüistico a varios idiomas. Educación, ante preguntas dalgúns docentes, confirmou que levarán preinstalado o galego e, a petición destes, outros idiomas que se imparten no noso sistema educativo. Porén descoñecemos se o galego será o idioma predefinido nos sistemas. Por este motivo decidimos poñernos en contacto directamente coa Dirección Xeral da que depende o proxecto e solicitar que o sexa. 
 
Hoxe queremos facer pública a carta enviada para coñecemento de todos. 
 
A José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
 
Carta de requirimento do idioma Galego por omisión no Proxecto Abalar.
 
 
Estimado Sr. Mira,
 
Á asociación estanos a chegar información sobre dos detalles de implantación do proxecto Abalar procedementos de docentes e quixeramos expor algunhas dúbidas e solicitudes.
 
Encontramos moi positiva a inclusión de software libre nos ordenadores que os cativos empregarán, falamos da edición para netbooks do sistema operativo, Ubuntu (Linux). Coa mesma, e debido a elección deste sistema operativo ábrese de súpeto a posibilidade dun verdadeiro soporte multilingüístico con ferramentas de corrección ortográfica, thesaurus e interfaces traducidas a ducias de idiomas. Sabemos que teñen solicitudes para que inclúan por defecto varios dos idiomas que se imparten no sistema educativo ademais das linguas oficiais da comunidade autónoma. Isto sería realmente positivo en tanto permite aos docentes desas asignaturas diferentes enfoques ás súas materias.
 
Mais o tema que nos ocupa na nosa asociación e no grupo que representamos, o Proxecto Trasno, é o idioma galego. Para que teña unha referencia, o Proxecto Trasno nace no 1999 da man de universitarios da FIC da Universidade da Coruña e outros voluntarios que tiñan formados grupos na rede daquela, para adicarse a localizar (isto é traducir e dar soporte lingüístico) software libre ao galego. Nestes dez anos o traballo realizado polos voluntarios do proxecto é inmenso, tanto que hoxe por hoxe temos sistemas operativos totalmente galeguizados. Este é o caso do sistema operativo que se implantará dentro do proxecto Abalar. A Ubuntu Netbook Edition está totalmente traducida ao galego, conta con correctores ortográficos na nosa lingua e outro tipo de soporte lingüístico. E é máis, o esforzo da nosa comunidade na súa tradución e interese polo seu mantemento asegura que a tradución se manterá ao longo do tempo.
 
A información que nos chega é que o idioma por defecto, malia estar instalado o galego, será o castelán. Inda que sabemos que para calquera usuario é moi sinxelo cambiar o idioma do seu equipo, consideramos que sería positivo para a normalización do idioma galego que fora este a lingua por defecto. Isto ademais brindaría a oportunidade á comunidade educativa, e á sociedade en xeral, de descubrir que existe software en galego e que teñen a posibilidade de empregalo se o desexar. Sería ademais un voto de confianza no voluntariado do noso proxecto, que tanto esforzo poñemos en que exista tecnoloxía na nosa lingua. 
 
Saiban, que para calquera dúbida sobre do soporte lingüístico do software libre ao galego, de como se pode implementar correctamente ou calquera dúbida ou axuda que precisen relacionada coa localización, pódennos contactar e poñerémonos á súa disposición. Saiban ademais, que neste proceso de implantación poden contar coa experiencia na materia dos grupos de software libre da nosa comunidade.
 
Saúdos cordiais, 
 
Abegondo, 17 de Setembro do 2010
 
Miguel Branco
Presidente da AC Proxecto Trasno