O proxecto Trasno participará no Día da liberdade dos documentos

DFD-2011O proxecto Trasno apoia e participará no Día da liberdade dos documentos que se celebrará o vindeiro día 30 de marzo, xunto co resto da comunidade de software libre galega na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo [ver mapa].

O Día da liberdade dos Documentos (DFD) é unha iniciativa levada adiante por organizacións do campo do acceso ao coñecemento, a non discriminación e o software libre, segundo iniciativa da FSF (Free Software Foundation) en todo o mundo.

O obxectivo é chamar atención sobre a importancia de conservar os documentos dixitais que empregamos en formatos libres e baixo estándares abertos, así como promover a adopción de formatos de documentación abertos, integrar unha rede global e coordinar actividades para difundir a importancia destes conceptos na era dixital.

Chamar a atención sobre este tema permitiranos construír un modelo de comunicación dixital onde ningunha persoa sexa discriminada ou tratada con menores beneficios que outra polo software que emprega. En particular, é especialmente preocupante cando é a Administración Pública quen xestiona as súas comunicacións de modo tal que discrimina a quen utilizan software libre e beneficia ou mantén a posición dominante dunha soa empresa ao requirir o uso dos seus produtos para comunicarse coa Administración Pública.

Lembremos que existen suites ofimáticas libres como LibreOffice, Calligra, OpenOffice.org ou KOffice, e outros programas de software libre como Abiword que permiten cumprir estes obxectivos. Todo este software libre é traducido na actualidade por membros do Proxecto Trasno.

NOTA: a organización do DFD galego dispón dun wiki (editable) no que se vai informando polo miúdo do todo o que acontece, así como do proxecto de axenda.