O Proxecto Trasno publica os acordos terminolóxicos da Trasnada 11.1

Logotipo do Proxecto Trasno

Despois de moito tempo de preparación os voluntarios do Proxecto Trasno aledámonos de publicar os acordos terminolóxicos acadados na Trasnada 11.1 celebrada na cidade de Vigo o pasado 12 de novembro e que forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2011 da Xunta de Galicia.

Durante esta Trasnada discutiuse sobre moitas cuestións terminolóxicas e chegouse a un acordo sobre uns 50 novos termos incluído algún conflitivo, o que sumado aos máis de 80 acordos da Trasnada 11.0 e os 20 da Trasnada 10 supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre. Quizais o máis importante sexa que o valor destes acordos é maior debido a que ademais de gran número de voluntarios do Proxecto Trasno tamén participaron nas discusións outras persoas interesadas e alleas ao proxecto.

Os resultados están dispoñibles para todas aquelas persoas interesadas na páxina de resultados das Trasnadas en formato estándar TBX (Term Base eXchange), e xa preparados para poder usarse nas principais ferramentas de axuda para a tradución con ordenador (CAT). Nesa mesma páxina tamén se poden descargar os resultados das anteriores Trasnadas.

Ademais este traballo de asentamento de terminoloxía tamén se incorporou a ferramentas de comprobación automática como Pology, para o cal Marce Villarino creou regras para comprobar que nas traducións se aplican os consensos acadados pola comunidade, e que xa están integradas na versión oficial de Pology de forma que toda aquela persoa interesada poida usalas para revisar as súas traducións.

Ditas regras para Pology xa se usaron para realizar comprobacións e corrixir milleiros de traducións en varios dos proxectos máis importantes do Proxecto Trasno, como Lxde, Xfce, KDE e GNOME, para deste xeito aplicar canto antes os acordos acadados nas Trasnadas.

Pódese atopar máis información sobre as regras para Pology na páxina de resultados das Trasnadas, onde se publicarán tamén os resultados das vindeiras Trasnadas que celebraremos durante este ano.