O Proxecto Trasno publica os acordos terminolóxicos da Trasnada10

Logotipo do Proxecto Trasno

Despois de moito tempo de preparación os voluntarios do Proxecto Trasno aledámonos de publicar os acordos terminolóxicos acadados na Trasnada10 celebrada na vila de Ordes o pasado outubro coa colaboración da AC Inestable e que forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.

Durante esta Trasnada resolvéronse vellas discusións como a de «window» ou a de «tab», o que supón un gran avance na homoxeneización das traducións ao galego. Tamén se chegou a un acordo sobre preto de outros quince termos, varios deles tamén moi conflitivos. Quizais o máis importante sexa que o valor destes acordos é maior debido a que ademais de gran número de voluntarios do Proxecto Trasno tamén participaron nas discusións outras persoas interesadas e alleas ao proxecto.

Os resultados están dispoñibles para todas aquelas persoas interesadas na páxina de resultados das Trasnadas en formato estándar TBX (Term Base eXchange), e xa preparados para poder usarse nas principais ferramentas de axuda para a tradución con ordenador (CAT).

Ademais este traballo de asentamento de terminoloxía tamén se incorporou a ferramentas de comprobación automática como Pology, para o cal Marce Villarino creou regras para comprobar que nas traducións se aplican os consensos acadados pola comunidade, e que xa están integradas na versión oficial de Pology de forma que toda aquela persoa interesada poida usalas para revisar as súas traducións.

Ditas regras para Pology xa se usaron para realizar comprobacións e corrixir milleiros de traducións en varios dos proxectos máis importantes do Proxecto Trasno, como Xfce, KDE e GNOME, para deste xeito aplicar canto antes os acordos acadados na Trasnada10.

Pódese atopar máis información sobre as regras para Pology na páxina de resultados das Trasnadas, onde se publicarán tamén os resultados das vindeiras Trasnadas que celebraremos este ano 2011.