Publicación de memorias de tradución en formato TMX

Logotipo do Proxecto Trasno

O proxecto Trasno acaba de facer públicas varias memorias de tradución en formato estándar TMX (Translation Memory eXchange) que agrupan as traducións máis recentes realizadas por varios do proxectos de localización que se desenvolven ao abeiro do proxecto Trasno entre os que se atopan Mozilla Firefox e Thunderbird, LibreOffice ou GNOME. Estas memorias de tradución inclúen centos de cambios realizados para reflectir os últimos acordos de terminoloxía adoptados nas Trasnadas impulsadas polo Proxecto Trasno.

As memorias de tradución incorporáronse á lista de memorias de tradución do Proxecto Trasno que inclúe xa máis de vinte memorias de tradución de diversos proxectos de localización de software libre. Todas estas memorias de tradución están dispoñíbeis para a súa libre utilización en outros proxectos de localización, o que permitirá que as traducións realizadas sexan máis homoxéneas e se realicen de forma máis rápida.

Entre os proxectos que contribuíron con memorias de tradución encóntranse a comunidade de tradutores de produtos de Mozilla ao galego, o grupo de localización ao galego de GNOME, o grupo de tradución de LibreOffice ou o propio proxecto Trasno.

Comentarios

Member since:
18 Maio 2010
Last activity:
1 día 18 horas

Ola.

Tentei coverter os .tmx a .po empregando o tmx2po que liberaron hai tres anos en Mancomún. Pero non me funciona. Instalado o php5-cgi e introducida a orde:

php5-cgi tmx2po.php TM_Firefox_3.5.tmx

obteño invariablemente unha mensaxe de erro

Débese especificar un ficheiro

Parece que o php non colle ningún argumento (argv baleiro).

Pode alguén axudarme con isto?

Graciñas

Member since:
16 Abril 2010
Last activity:
23 horas 50 min

A min funcionoume (parece que) perfectamente, lanzando un "php tmx2po.php TM_Firefox_3.5.tmx"

Unicamente me solta uns cantos "PHP Notice: Undefined offset: 2 in /home/jchaves/soft/tmx2po.php on line 111", pero parece que xera o ficheiro TM_Firefox_3.5.tmx.po sen problemas.

Eu empreguei esta versión do tmx2po.php: https://forxa.mancomun.org/frs/download.php/660/tmx2po.php

$ php -v
PHP 5.4.0-3 (cli) (built: Mar 22 2012 07:59:57)
Copyright (c) 1997-2012 The PHP Group
Zend Engine v2.4.0, Copyright (c) 1998-2012 Zend Technologies

Member since:
26 Abril 2010
Last activity:
1 día 3 horas

Ola,
a maioría destes ficheiros TMX obtivéronse a partir de ficheiros .po, así que quizais o máis sinxelo sexa coller directamente eses ficheiros .po. Por exemplo proxectos de localización como o de GNOME permiten descargar un arquivo con todos os ficheiros .po: http://l10n.gnome.org/teams/gl/ Outros proxectos como o de Xfce empregan Transifex, que tamén permite facer isto: https://translations.xfce.org/ Para os proxectos que non proporcionan un mecanismo desta caste sempre queda a opción de obter os ficheiros de tradución directamente desde o sistema de control de versións (git, mercurial, subversion...).

En caso de obter os ficheiros .po e querer obter un único compendio en formato .po pódese empregar o programa pocompendium do Translate Toolkit tal como explicamos no wiki do Proxecto Trasno: http://wiki.trasno.net/GNOME/Memorias_de_Traduci%C3%B3n/Xeraci%C3%B3n#Cr... Tamén se poderían empregar outros programas, como msgcat de Gettext, para realizar esta tarefa.

Tamén é certo que para algúns dos ficheiros TMX sexa algo complicado obter os ficheiros orixinais coas traducións en formato .po, xa sexa por ser complicado obtelos (os TMX máis antigos) ou por non estar as traducións neste formato (por exemplo o OpenOffice.org).

Se prefires converter os TMX a .po (ou porque non hai outro xeito sinxelo de facelo) recoméndoche probar o po2tmx do Translate Toolkit: http://translate.sourceforge.net/wiki/toolkit/po2tmx

Se segues tendo problemas envía publica outro comentario nesta mesma páxina ou envía unha mensaxe á rolda de correo electrónico do Proxecto Trasno.

Deica