A RAG publica o seu novo dicionario electrónico

A Real Academia Galega presentou o seu novo dicionario que xa é consultable no seu sitio web. Este novo dicionario inclúe múltiples melloras entre as que se encontran un aumento significativo da cantidade de entradas ata máis de 50000, a inclusión de usos actuais como os relacionados coa informática, a posibilidade de escoitar as palabras, unha lista de entradas máis consultadas, busca preditiva, a consulta de entradas aleatorias, a integración con redes sociais como Twitter ou o envío de suxestións para a mellora constante do novo dicionario.

O dicionario elaborouse a partir dun amplo corpus do galego moderno e o seu carácter é normativo, razón pola cal ofrece diversa información sobre a grafía, significados, información gramatical, sinónimos e antónimos, etc.

No que atinxe ao Proxecto Trasno esta nova agardouse durante anos e este novo dicionario pasa automaticamente a converterse nun recurso de consulta de primeira orde para todos os colaboradores do proxecto. Ademais a existencia do dicionario facilitará as futuras discusións terminolóxicas que se realizarán nas vindeiras Trasnadas debido a que varios termos pendentes de discusión xa se trataron neste dicionario, como por exemplo escáner ou rato, e tamén valida varias das escollas realizadas durante as anteriores Trasnadas, como por exemplo devasa, ficheiro, icona ou xanela.