Resultados das Trasnadas

Nesta páxina recolleremos os resultados derivados das diferentes Trasnadas realizadas polo Proxecto Trasno. Publicaremos os acordos sobre terminoloxía en formato estándar TBX (Term Base eXchange), así como o impacto que poidan ter eses resultados noutros eidos da localización de software libre.

Trasnada10

A Trasnada10 celebrouse na vila de Ordes o 16 de outubro de 2010 coa colaboración da AC Inestable e que forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.

Durante esta xuntanza resolvéronse vellas discusións como a de «window» ou a de «tab», o que supón un gran avance na homoxeneización das traducións ao galego. Ademais chegouse a un acordo sobre máis ou menos outros quince termos, varios deles tamén moi conflitivos.

Impacto da Trasnada10

Pology

O traballo de asentamento de terminoloxía xa se incorporou a ferramentas de comprobación automática como o Pology, e con ese obxectivo, o trasnego Marce Villarino creou as regras de comprobación para as traducións que aplicaron os consensos acadados pola comunidade. Estas regras xa están integradas na versión oficial de Pology.

Con estas regras xa se corrixiron ducias de traducións en varios dos programas máis importantes do Proxecto Trasno, como Xfce, KDE e GNOME. Desta maneira os acordos da Trasnada10 pasan a ser o estándar efectivo actual de aplicación xeral.

O Pology pódese descargar, xunto coas regras para o galego, desde o repositorio de subversion de KDE executando a seguinte orde nunha consola:

svn co svn://anonsvn.kde.org/home/kde/trunk/l10n-support/pology

Máis información sobre como usar Pology para realizar comprobacións, pódese consultar no apartado "Revisión", sección de GNOME na wiki do Proxecto Trasno.

Glosarios en formato TBX

Ademais publicáronse os resultados no formato terminográfico estándar TBX (Term Base eXchange) tanto para que poidan ser usados nas ferramentas de asistencia para a tradución (TAC) como para recoller todos os datos pertinentes e documentar os acordos adoptados. Pódense descargar aquí os glosarios cos acordos das diferentes Trasnadas:

Estes glosarios resultantes iranse ampliando nesta mesma páxina da wiki coas achegas das futuros acordos nas «Trasnadas» periódicas que organiza a nosa asociación.

Ademais está dispoñíbel para a descarga o ficheiro TBX cos acordos de todas as Trasnadas xunto cos termos do antigo glosario do Proxecto Trasno:

Este glosario compendio irase ampliando cos acordos das sucesivas «Trasnadas» que organiza a nosa asociación.