A Trasnada 11.0 será o 28 de Maio en Ourense!

A xuntanza trasnega está ao caer e desta volta será na cidade das burgas. Este 28 de Maio estaremos en Ourense na Casa da Xuventude celebrando a Trasnada 11.0.

A trasnada comezará coa asemblea xeral ordinaria da Asociación Proxecto Trasno ás 9:30, á que os socios están chamados a participar. Dende as 12:00 e durante o resto do día os tradutores celebrarán unha sesión de debate terminolóxico para seguir avanzando nos consensos que se aplicarán nas traducións. A este debate están chamados todos os tradutores de software libre e aqueles interesados que poidan aportar coñecementos no tema.

Nun segundo espazo para non interromper o debate terminolóxico, que será de libre acceso para o público xeral, realizaranse actividades de promoción e formación en tradución de software libre. A primeira hora da tarde, ás 17:00, terá lugar un relatorio na que se conmemorarán os 11 anos de Proxecto Trasno, repasarase a súa historia e exporanse os logros en tradución feitos este último ano. Ás 18:00 terá lugar un curso rápido de formación en tradución de software libre, que permitirá aos asistentes adquirir as suficientes nocións como para comezar a participar no proxecto. O evento clausurarase ás 19:30.

Independentemente da axenda da xornada, calquera póde achegarse en calquera momento ao evento e coñecernos de primeira man. 

A Trasnada forma parte das actividades que Trasno realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.

Nos vindeiros días iremos debullando os detalles da xornada así coma algunha que outra sorpresa para os asistentes. Estade atentos!. E xa sabedes, agardámosvos en Ourense!.