Por que Tiboxe?

Xa dende os primeiros comezos do Proxecto Trasno (o cal se dedica á tradución ao galego de software libre dende hai dez anos) viuse a necesidade de fixar unha tradución para certos termos que eran difíciles de traducir. Posteriormente e a medida que aumentaba o número de tradutores que traballaban en paralelo en diferentes proxectos de tradución decatámonos tamén de que a falta dunha guía precisa e exacta provocaba que os tradutores traduciran a mesma palabra de xeito diferente nos diferentes proxectos e incluso, o que aínda é moito peor, dentro do mesmo programa dando como resultado traducións "pouco profesionais" que daban moi mala imaxe, ademais de dificultar o manexo dos programas traducidos.

Para remediar esta situación creouse un glosario con equivalencias inglés-galego que axudara aos tradutores. En pouco tempo xa se tiña creado un glosario o suficientemente completo para resolver as dúbidas máis comúns, e co tempo foise expandindo, corrixindo e mellorando.

Pasado certo tempo descubriuse que o glosario do Proxecto Trasno non era o único glosario referente á informática e á tradución de software ao galego que había dispoñible na Internet. Co tempo e a medida que certos membros do Proxecto Trasno tiveron tempo para explorar a Internet, en busca de novos recursos e ferramentas que lles axudaran a realizar mellor e máis rápido o seu traballo, foronse descubrindo unha chea de glosarios e vocabularios descoñecidos e algúns dos que se sabía pero que se crera que desapareceran. Debido a posibles problemas legais ou de comodidade por parte dos tradutores a maior parte deses útiles recursos non se utilizaron no día a día, polo que boa partes das traducións seguiron mantendo un nivel de calidade non moi alto.

Co paso dos anos apareceu Mancomún. Este ente impulsou a tradución de software libre, e para poder realizar mellor dito traballo compilou un novo glosario moito máis extenso que o do Proxecto Trasno, aínda que non perfecto. Dito glosario é agora un referente de primeiro nivel no campo da terminoloxía para os tradutores de software ao galego, e úsano a cotío ducias de tradutores.

Pero a existencia de outros glosarios, a aparición de cando en vez doutro novo glosario, e tamén a imperfección do glosario de Mancomún crearon dúbidas sobre a calidade de dito glosario. Polo tanto os tradutores úsano como fonte principal de referencia, pero non como única, e intentan contrastar os diferentes glosarios antes de escoller unha opción determinada. Dado que cos anos se foron sumando máis e máis glosarios, o feito de contrastar as diferentes propostas dos múltiples glosarios converteuse nunha tarefa tediosa e que pouca xente quere facer. Para resolver este problema Leandro Regueiro creou un pequeno script que consulta unha base de datos na que están incluídos os glosarios de interese. Pero esa ferramenta só funciona en local, e traballa en modo texto. Pensando en facilitarlle a vida ao tradutor de a pé, Fran Diéguez propuxo e construiu esta ferramenta de consulta terminolóxica, Tiboxe, que pretende ser a solución definitiva para o problema da consulta dos diferentes glosarios existentes.

Evidentemente segue existindo o problema das inconsistencias e discrepancias entres os diferentes glosarios. Ese é un problema grave, que evita que unha simple busca no Tiboxe resolva inmediatamente a dúbida do tradutor, xa que na práctica ten que comparar tódalas opcións dispoñibles. A comunidade de voluntarios tradutores de software libre concentrada en boa medida no Proxecto Trasno, xa identificou dito problema e está traballando actualmente nun sistema que permita crear un novo glosario que resolva as inconsistencias, que sexa completo, e que serva de guieiro definitivo para a tradución de software ao galego.