Corrector Hunspell de galego

Hunspell é unha tecnoloxía que permite desenvolver correctores ortográficos.

Hunspell é a tecnoloxía de corrección ortográfica que se emprega en aplicativos como LibreOfficeFirefox, Scribus, OpenOffice, Google Chrome, Opera, ou Evernote. Trátase así mesmo da principal tecnoloxía de corrección ortográfica dos sistemas GNU/Linux e Mac OS X.

O Proxecto Trasno encárgase actualmente do desenvolvemento do corrector Hunspell de galego.

Instalar

O método de instalación do corrector Hunspell de galego depende do aplicativo ou sistema operativo no que se queira instalar. Véxase a documentación para máis información.

Funcionalidades e carencias

A tecnoloxía Hunspell permite:

  • Dada unha palabra, determinar se é correcta ou non.
  • Dada unha palabra incorrecta, fornecer suxestións de palabras correctas coas que substituíla.
  • Os usuarios avanzados (usando o aplicativo «hunspell» na liña de ordes) poden obter información morfolóxica dunha palabra.

Porén, Hunspell ten tamén as súas limitacións.

Basicamente, Hunspell analiza textos palabra por palabra, sen ter en conta o contexto (os aspectos gramaticais) nin ser capaz de analizar grupos de palabras. Como resultado, Hunspell non pode:

  • Considerar correcta unha locución sen considerar correctas todas as palabras que a forman. Por exemplo, «delírium tremens» é unha locución substantiva correcta en galego. Porén, para que Hunspell poida considerala como correcta, é necesario que dea como correctas tanto «delírium» como «tremens», palabras que por separado son incorrectas en galego.
  • Determinar se unha palabra é correcta ou non tendo en conta a función coa que se está a empregar a palabra nunha oración. Por exemplo, na oración «non vexo a diferencia», «diferencia» úsase de maneira incorrecta como substantivo (a forma correcta é «diferenza»); porén, dado que a palabra «diferencia» é correcta como forma do verbo «diferenciar» («ela diferencia»), Hunspell considera «diferencia» correcta sempre, independentemente do lugar da oración onde se use.

Estas debilidades non son puntuais, senón que son inherentes ao deseño de Hunspell, e polo tanto non hai plans de corrixilas nun futuro. Para contrarestalas é necesario empregar —ademais de Hunspell— un corrector gramatical.

Colaborar

Existen varios xeitos de colaborar no desenvolvemento do corrector Hunspell de galego:

Informar de erros

Se detectas algún erro no corrector podes:

  • Crear un informe de erro en Github.
  • Engadir o erro á lista da páxina de coordinación do desenvolvemento do corrector.
  • Enviarlle unha mensaxe a Antón Méixome, coordinador do proxecto, ao seguinte enderezo de correo electrónico: meixome[no-spam]@[no-spam]certima.net, ou á lista de correo de Trasno (proxecto@trasno.net) coa etiqueta [Hunspell] na liña do asunto.

Contribuír

Se estás pensando en contribuír directamente ás fontes do corrector, bótalle unha ollada á páxina de coordinación para contribuidores.

Licenza

O corrector Hunspell de galego é software libre, e está protexido pola versión 3 da Licenza Pública Xeral de GNU.