Novidades   |   GNU     GNOME     KDE  
  Información   |   Mozilla     OpenOffice     Aplicacións  
  Axuda   |   Guías     Howto     Distribucións  
  Enderezos   |   Ispell     Fortunes     Outros  

Resposta aos novos traductores

(Traducción-adaptación do orixinal en inglés)

Ola, espero que non che amole unha resposta enlatada. Escribiches ao coordinador do equipo de traducción, ofrecéndote coma traductor, pero non sabes exactamente como ou por onde comezar. Aquí hai algúns consellos.

  1. Faite parte dun equipo de traducción

    Deberís, de primeiro, atopa-lo enderezo do teu equipo nacional. Podes obte-la lista dos equipos actuais na Web, e tamén o código e o enderezo de correo electrónico de cada equipo, en:

    www.iro.umontreal.ca/contrib/po/HTML/teams.html
    

    Algúns equipos, non todos, usan un servidor de listas de correo. Supoñamos que o teu equipo ten un enderezo en Linux International. Para facerte membro do teu equipo de traducción, engade -request xusto antes de @li.org e logo emprega subscribe no corpo da mensaxe. Despois diso, escribes ao teu equipo sen usa-lo sufixo -request. Outros servidores de listas de correo poden empregar outras receitas; proba co teu equipo antes. Por suposto, podes usa-lo teu propio idioma ao escribir ao equipo de traducción.

    Específico para o equipo de traducción ao galego: o enderezo do equipo de traducción é gpul-traduccion@ceu.fi.udc.es. Para te subscribir, escribe unha mensaxe a gpul-traduccion-request@ceu.fi.udc.es poñendo subscribe no corpo da mensaxe. Despois, xa nos podes escribir ao noso enderezo. O idioma oficial do equipo é o galego ;-).

    Se non hai ningún equipo para o teu idioma e queres comezar un, podes atopar máis información de como facer en:

    www.iro.umontreal.ca/contrib/po/HTML/leaders.html
    
  2. Enche e devolve a renuncia do Copyright para os traductores

    Na distribución de GNU gettext, atoparás un ficheiro chamado DISCLAIM, que contén un documento de renuncia do Copyright para todo o traballo de traducción que fagas para este proxecto. Se non colleches gettext ou se o equipo non che dá unha copia, só pide unha en translation@iro.umontreal.ca. Inclúense instruccións dentro do impreso. Tamén podes atopar máis información sobre o tema da renuncia do copyright sobre as traduccións, e tamén copias nuns poucos formatos, nesta páxina Web:

    www.iro.umontreal.ca/contrib/po/HTML/disclaim.html
    

    Varios dominios textuais (máis ou menos: paquetes) sí que precisan que se poida probar que o teu traballo é libre. O Proxecto de Traducción rexeitará un envío se non renunciaches, por escrito, aos teus dereitos sobre as traduccións que produces. Tamén leva máis ou menos un mes en total, dende que se enviou a renuncia, ata que é procesada completamente. Isto é case sempre o retardante de todo o proceso, e deberías arranxar esta cuestión o antes que poidas. Cando esta formalidade xa está feita, xa es libre de facer tantas traduccións que queiras sen pasar pola formalidade outra vez.

  3. Aprende a usa-lo Robot

    Agora que o teu equipo existe e a túa renuncia do Copyright foi recibida e recoñecida pola FSF, podes proceder a enviar ficheiros PO con éxito por ti mesmo, usando o robot do Proxecto de Traducción. Se non sabes que é un ficheiro PO, salta esta sección por agora e volta a ela despois.

    O robot do Proxecto de Traducción (ou TP-Robot) é un servicio por correo electrónico que se encarga dos envíos de ficheiros PO. O robot comproba que o ficheiro é recibible, é dicir, se un traductor encheu a súa renuncia se é preciso, e se o seu equipo lle permite face-lo traballo. Tamén executa msgfmt para ver se o ficheiro PO está ben de saude, e tamén busca outros problemas.

    Crear un equipo é un proceso rápido, pero que che recoñezan a renuncia toma normalmente preto dun mes. Antes de que ese tempo pase, podes, sen embargo, envia-lo teu ficheiro PO ao robot. Non o aceptará, pero polo menos, descubrirá erros e diagnosticaraos. A xente que traduce por primeira vez adoita cometer varios erros, e pode facer falta intentalo varias veces antes de que todo saia perfecto. Pode que cando remates isto, a túa renuncia xa estea recibida, e estés preparado para un envío de verdade e con éxito.

    O robot pode asustar un pouco ao primeiro, porque é estremadamente ríxido con algúns detalles. Os demáis membros do teu equipo pódenche axudar a te afacer a el. Tamén podes escribir ao coordinador de traduccións pedindo axuda, se hai algo que non estea claro ou se te sentes un pouco perdido nisto. Non é realmente preciso que use-lo robot, pero cando o fas, deixas algún tempo libre para o coordinador de traduccións para facer outras cousas útiles (¡gracias!). Para usa-lo robot, a liña de Asunto (Subject) débese parececer a:

    TP-Robot PAQUETE-VERSIÓN.EQUIPO.po
    

    e a cousa completa debería ser enviada a translation@iro.umontreal.ca. Podes esperar unha resposta en poucos minutos. Se precisas axuda para respostar a preguntas, ou se sospeitas que o robot está a se comportar incorrectamente, podes escribir directamente ao coordinador de traduccións. Nembargantes, se o fas, ten coidado de non comeza-lo Asunto da túa mensaxe con TP-Robot :-)

    O xeito máis sinxelo de usa-lo robot, para os que tede-la sorte de saber Emacs, é co comando M do modo PO. Cando o teu ficheiro PO estea preparado, só tés que pulsar M, e cunha pouca sorte, xa se fará todo automáticamente. Noutro caso, deberías saber que o robot é un pouco parvo e non entende MIME ainda. Asi que, polo de agora, empaqueta o teu ficheiro PO con uuencode (tanto co formato vello begin ou o novo begin-base64) no canto de MIME ou shar. Tamén podes usar unha copia de texto normal, se estás completamente seguro de que temos correo electrónico que respecta os oito bits. Se o Robot non pode descifra-lo teu paquete, simplemente enviaramo, o que é moito máis lento, para que o desempaquete manualmente.

  4. Instala GNU gettext e aprende a usalo

    Poderías traballar de traductor sen instalar GNU gettext. Nembargantes, botarías en falta o programa msgfmt que é moi útil para valida-lo formato dos teus ficheiros traducidos, o modo PO para GNU Emacs que simplifica a edición deses ficheiros, e a documentación de GNU gettext, que explica o Proxecto de Traducción con máis detalles.

    Colle a distribución de GNU gettext de gnu.org/pub/gnu/ ou calqueira "espello" do que baixe-los paquetes GNU, e instálaa no teu sitio. Polo de agora, se cadra preferirás usa-la última copia non oficial de www.iro.umontreal.ca/contrib/po/gettext/gettext.tar.gz. Se non té-la capacidade ou autoridade para instalar GNU gettext, intenta que o administrador do sistema do teu sitio o instale para ti (o administrador usará unha receita moi parecida á que dou embaixo, pero non usará o parámetro --prefix de configure, deixando que pase o valor por defecto de /usr/local). A receita de embaixo é correcta cando queiras instalar GNU gettext só para ti, coma un usuario. Cando teña-la distribución (digamos que é gettext-N.M.tar.gz), só tes que escribir:

       gunzip < gettext-N.M.tar.gz | tar xf -
       cd gettext-N.M
       ./configure --with-included-gettext --prefix=$HOME
       make install
    

    Despois diso, asegúrate de que "~/bin" está na túa rota de busca. Se usas sh (ou bash, ou ksh), modifica o teu ficheiro .profile ou .bash_login para que conteña:

       export PATH; PATH=$HOME/bin:$PATH
    

    Se empregas csh (ou tcsh) no seu canto, modifica o teu ficheiro .login ou .cshrc para que conteña:

       set path=(~/bin $path)
    

    Se usas GNU Emacs, pode que queiras te-lo último modo PO, obténdoo de www.iro.umontreal.ca/contrib/po/po-utils/dist/src/po-mode.el, xa que pode ser máis recente que o instalado por GNU gettext. En calqueira caso, engade estas liñas ao teu ficheiro .emacs:

       	   (setq load-path (cons "~/gettext-N.M/misc" load-path))
       (setq auto-mode-alist (cons '("\\.potx?\\'\\|\\.po\\." . po-mode)
    			       auto-mode-alist))
       (autoload 'po-mode "po-mode")
    

    Se usas GNU Emacs 20 coas fontes internacionais instaladas, engade tamén:

       (autoload 'po-find-file-coding-system "po-mode")
       (modify-coding-system-alist 'file "\\.potx?\\'\\|\\.po\\."
    			       'po-find-file-coding-system)
    

    A liña load-path pode ser omitida se gettext-N.M/misc/po-mode.elc xa foi movido a algún lugar estándar onde GNU Emacs o poida atopar.

    Finalmente, lea os ficheiros "~/info/gettext.info*". Ou, ainda mellor, se tés TeX xa instalado no teu sitio, escribe algo parecido a:

       cd gettext-N.M/doc
       make dvi
       dvips gettext.dvi
    

    para imprimir un bonito manual de GNU gettext.

  5. Mergúllate no traballo de traducción de verdade

    Se o teu equipo está ben organizado, a xente de alí debería axudarche a atopar un traballo de traducción. Noutro caso, terás que atopar un por ti mesmo. Pero, fagas o que fagas, en calqueira momento, e incluso se todos parecen estar a durmir no teu equipo, manteno ben informado do que pretendes facer. Un xeito de comezar é traducindo as mensaxes de GNU gettext. Non é especialmente importante traduci-las mensaxes de gettext primeiro, pero poderías tela a man nos teus discos. Se GNU gettext xa foi traducido, e o teu equipo non che axuda a escoller un traballo de traducción, poderías mirar nestes directorios:

       www.iro.umontreal.ca/contrib/po/trans/LL/
       www.iro.umontreal.ca/contrib/po/pot/
    

    para ver tódolos ficheiros dispoñibles actualmente para o idioma LL. O primeiro directorio dá eses ficheiros PO que están traducidos completa ou parcialmente, pero exclúe os ficheiros para os que a traducción non comezou ainda. O segundo directorio dá o estado sen traducir deses ficheiros para tódolos paquetes: é moi probable que atopes material para traballar aí. Cada vez que o Proxecto de Traducción sube un novo ficheiro ou actualiza un xa existente nalgún deses directorios, envíase un anuncio a tódolos membros do equipo de traducción.

    Ben, digamos que decidiches traducir gettext-N.M. Comeza por copia-lo ficheiro gettext-N.M/po/gettext.pot a un ficheiro de traballo chamado gettext-N.M.LL.po, onde LL é o teu código de idioma, tal como se explicou antes neste texto, e logo só tés que editar ese ficheiro. Comeza así:

       # SOME DESCRIPTIVE TITLE.
       # Copyright (C) YEAR Free Software Foundation, Inc.
       # FIRST AUTHOR <EMAIL@ADDRESS>, YEAR.
       #
       #, fuzzy
       msgid ""
       msgstr ""
       "Project-Id-Version: PACKAGE VERSION\n"
       "PO-Revision-Date: YEAR-MO-DA HO:MI+DIST\n"
       "Last-Translator: FULL NAME <EMAIL@ADDRESS>\n"
       "Language-Team: LANGUAGE <LL@li.org>\n"
       "MIME-Version: 1.0\n"
       "Content-Type: text/plain; charset=CHARSET\n"
       "Content-Transfer-Encoding: ENCODING\n"
    

    Cambia tódalas palabras en maiúsculas por algo que sexa apropiado. Neste caso, será-lo primeiro autor da traducción, e tamén o último traductor dela. Podes usa-lo teu propio idioma para cambiar SOME DESCRIPTIVE TITLE ("algún título descriptivo"), cun título que diga que este ficheiro traduce un paquete determinado a un idioma determinado. CHARSET pode ser iso-8859-1 por exemplo, e ENCODING adoita ser 8bit. Borra a liña "#, fuzzy" cando teñas especificado os elementos en maiúsculas, porque cando xa está feito, a entrada de cabeceira xa non é difusa (fuzzy).

    Cada mensaxe a traducir dase por orde no ficheiro PO. Por exemplo, unha entrada sen traducir podería ser:

       #: lib/error.c:88
       msgid "Unknown system error"
       msgstr ""
    

    A cadea msgstr baleira debe ser enchida coa traducción da cadea que se ve despois de msgid. Se foras un falante de alemán, por exemplo, a entrada, despois de traducida, podería parecerse a:

       #: lib/error.c:88
       msgid "Unknown system error"
       msgstr "unbekannter Systemfehler"
    

    Simplemente fai unha traducción de tódalas entradas do ficheiro PO, unha tras outra, respectando o formato xeral do ficheiro e os formatos precisos para os caracteres especiais, cando faga falla. A observación e a intuición poden axudarche a entender cal debe se-lo formato; as regras precisas para os ficheiros PO danse no manual de GNU gettext. O programa msgfmt axuda moito a localiza-los erros de formato.

    Cando o teu ficheiro PO estea preparado, podes envialo ao teu equipo de traducción para ter respostas e críticas, e se todo vai ben, a translation@iro.umontreal.ca para que sexa incluido despois no propio paquete. O teu envío pode ser rexeitado se non se recibiu a renuncia ao Copyright, se outra persoa xa está asignada ao paquete que traduciches, ou se o teu equipo desaproba o teu traballo oficialmente (se cadra porque non traballas no equipo). O teu equipo debería ser visto coma unha autoridade para decidir que traduccións van e cales non, así que será mellor que colabores con el.

  6. Participa no teu equipo, ou estimúlao

    Algúns equipos están bastante ben organizados, cun coordinador do equipo, varios traductores con responsabilidades claras, un sitio FTP para os arquivos de intercambios anteriores ou traduccións actuais, pode que tamén teña un sitio web, cunha FAQ, diccionarios especializados e literatura relacionada ou punteiros. Por outro lado, outros equipos teñen só un ou moi poucos membros, que non tiveron tempo para se organizar correctamente ou non comezaron a traballar.

    Debes averigualo ti mesmo. Escribe directamente ao teu equipo, usando o teu propio idioma, preguntando se alguén o está a coordinar, se hai unha FAQ, ou se existe algún procedemento para contribuir, porque cada equipo pode te-los seus propios métodos. Poderías recibir unha resposta clara e precisa contándoche todo o que precisas saber. No peor caso, pode que non recibas ningunha resposta.

    No caso do silencio, deberás tomar unha decisión. Podes recuar e sair do Proxecto de Traducción e esquencerte do tema. Ou tamén podes decidir responsabilizarte do teu equipo e tratar de revivilo, respostando aos voluntarios futuros e facendo traduccións propias. Un equipo é só tan activo coma os seus membros. Se todos teñen vergoña e ninguén é capaz de tomar decisións, nada se move. Se un equipo ten un ou máis bos líderes, as cousas adoitan ir suavemente. Se varias persoas loitan polo liderato, o equipo pode que teña que resolve-los problemas que ten, e pode que queiras ser parte da solución. Como ti queiras.

    Pode que saibas de outra xente que estea interesada en traballar de voluntario para o teu idioma. Daquela, por suposto, podes invitalos a unirse a ti e subscribirse ao equipo de idioma axeitado.

    			   O teu coordinador de traduccións
    			   <translation@iro.umontreal.ca>
    			   Traducido por Jacobo Tarrío
    			   <jacobo@tarrio.cjb.net>
    
Agradécense os teus comentarios.