FAQ

Sobre do Proxecto Trasno

1. Que é o Proxecto Trasno?

É o proxecto de tradución e adaptación (localización) de software libre ao galego. Pretende ser o punto de encontro onde se reunen todos aqueles que traballan na localización ao galego. O proxecto está formado exclusivamente por voluntarios, que altruistamente realizan esta labor. Tes máis información aquí.

2. Trasno é un acrónimo con algún signficado?

Non é nada en concreto. Foi unha proposta de Francisco X. Vázquez Grandal que tras unha votación saiu elixida como nome do proxecto. Intentouselle buscar algo que definise ao proxecto a partir de “trasno” mais non se conseguiu nada acaido. Ás veces tense bromeado con ser os “TRAdutores Sen NOme”.

3. Como xorde o proxecto?

As orixes de Trasno están en dous grupos que traballaban por separado. Na primavera de 1999 nace o grupo Gzlinux, fundado por Manuel A. Fernández Montecelo e Woden, para adicarse á tradución de documentación (guías e manuais). Por outra banda en xullo de 1999 iniciase no GPUL
(Grupo de programadores e usuarios de Linux da Universidade de A Coruña) un subproxecto, coordenado por Jacobo Tarrío, para a tradución das utilidades de GNU e de programas libres en xeral.

Ámbolos grupos evolucionaron por separado ata que a principios do 2000 membros dun e doutro, así como xente que traballaba independentemente destes grupos, decidiron fusionarse nun único grupo.  Este grupo, o nacente Proxecto Trasno, serviu dende entón como punto de referencia para todo aquilo relacionado coa galeguización do software libre.

4. Por que traducir ao galego se xa temos o inglés, o portugués e o castelán?

E porqué non?.  A normalización da lingua debería ser transversal e ter reflexo en todos os aspectos da nosa vida cotiá. As novas tecnoloxías son xa unha parte fundamental da nosa realidade cultural e  parece lóxico que o galego estea presente nelas. O motor fundamental que alenta aos voluntarios a adicar horas de traballo e esforzo persoal a localizar é este. Así mesmo, á xente que se adica á tecnoloxía tamén quere e  precisa que poidan exercer o seu traballo na súa lingua, se for o galego.

5. Por que localizar só software libre?

Os aplicativos que non teñen licenzas libres, é dicir, propietarios ou privativos non están interesados ou non soen permitir a localización a linguas non maioritarias ou oficiais. Isto en parte é debido a que a localización é un proceso economicamente caro co cal decídese traducir só a linguas con moitos usuarios e que se espera vaian a resultar económicamente rendibles para a empresa popietaria do produto.  Tampouco existe habitualmente un interese por abrir a tradución ao público por diversos motivos: por manter segredos comerciais, por entender que non reporta beneficio algún… Naqueles casos nos que se permite a tradución libre do aplicativo, soense aplicar cláusulas restritivas para o autor da tradución. A este non se lle concede a propiedade da tradución, non ten a seguridade de que se remate usando a súa tradución, non se lle permite reutilizar a tradución etc.

Considerando o anterior e a realidade socioeconómica e sociolingüística, a lingua galega está e sempre estivo ignorada polos fabricantes de software privativo. 

En cambio as propiedades do software libre facilitan a localización a calquera lingua. Que o software libre se poida modificar, compartir e reutilizar é unha garantía de que as traducións se poden facer, se usarán, se poderán mellorar e de que os usuarios poden compartir eses aplicativos en lingua galega cos seus amigos, sen restrición nin custe algún.
Ademais, o mundo do software libre entende que a localización aporta un recurso valioso aos usuarios: a liberdade de elección de lingua e promociona activamente que se localize. Ese proxecto sae gañando conseguindo novos sectores de poboación que o usen. Proba desta vontade é que as distribucións Linux e os contornos de escritorio, que son os proxectos máis relevantes, están traducidos a centos de linguas de todos os tipos. Traducese a linguas con millóns de falantes e tamén a linguas de miles de falantes. Tradúcese a linguas oficiais e tradúcese a linguas non recoñecidas. Traducese a linguas vivas e tradúcese a linguas mortas ou artificiais.
Se non fora polo software libre non habería un sistema operativo cento por cento en galego como o que hoxe existe. Por todo isto, o proxecto fixo e fai unha aposta decidida polo software libre.

6. Entón, porqué hai software privado en galego?

Existen algunhas versións de sistemas operativos e aplicativos coñecidos que foron traducidos ao galego. O proxecto non ten ningunha relación con estas traducións. Esas traducións son froito do acordo comercial entre unha compañía de software a algunha entidade local ou administración.
O proxecto non considera ético o financiamento con fondos públicos de produtos que, primeiro, só reporten beneficios á empresa que vende ese produto e, segundo, que non libere as traduciós e os recursos xerados durante a localización. 

7. Non se encargou a administración da tradución de software libre?

Si, puntualmente. Nalgún momento a administración realizou ou subcontratou a tradución de determinadas versión de aplicativos coñecidos ao galego. Porén, os aplicativos continuamente liberan versións con novas traducións así que ter localizados eses aplicativos require un esforzo continuo. No caso da administración significaría o financiamento continuado deses proxectos e iso é, entendemos, é insostible.
Con todo, consideramos que é a comunidade de voluntarios  a que se ten que encargar de facer, manter e mellorar as localizacións do software libre, sen prexuizo de que a administración o facilite ou ofreza medios ou persoal.

8. Hai máis grupos traducindo software libre? Que relación mantedes con estes?

Ao longo de todos estes anos foron varias as inciativas que apareceron para promocionar a lingua galega nas novas tecnoloxías, con uns ou outros obxectivos. Tamén, ao longo deste tempo houbo xente que se adicou á actividade sen participar en ningún grupo. Hoxe por hoxe, hai algún grupo con obxectivos non exclusivamente de localización ou con posicionamentos diferentes a nosa e tamén  xente que independentemente mantén algunha localización. Con todos mantemos ou intentamos manter relacións coordiais e de invitación á colaboración.
Porén durante todo este tempo ningún grupo adicado á localización callou como o fixo o Proxecto Trasno. Proba disto é a labor continuada de máis de dez anos e de que todos os coordinadores das localizacións máis relevantes do software libre están involucrados no proxecto.

9. Como contacto convosco? E como podo colaborar?

Poder contactar connosco tal e como che explicamos aquí.
Para por colaborar primeiro diríxete aquí e logo contacta connosco. De bo grado te guiaremos nas túas dúbidas e axudarémosche a comezar a localizar. Precisamos xente para seguir facendo informática en galego!.

Non só nos podes axudar traducindo. Tamén podes:

  • difundir que existe informática en galego e promocionando o seu uso
  • unirte aos nosos grupos en redes sociais e difundir a nosa labor
  • corrixir erros en aplicativos, dos que podes informar  no foro
  • elaborar recursos lingüísticos ou titorias de software libre na nosa wiki
  • axudándonos a elaborar termonoloxía en galego:  para isto contacta con nós por correo
  • contribuír patrocinando á Asociación Proxecto Trasno, para que no proxecto teñamos medios ou recursos

10. Que normativa seguides?

Cada tradutor é libre de seguir a norma que estime correcta xa que traducir é unha actividade voluntaria. Malia a todo, consideramos que o debate normativo non nos pertence a nós senón que lle corresponde aos filólogos e expertos na materia e á sociedade no seu conxunto. Así que nos grupos, nos que hai varias persoas traballando,  axustámonos á norma da Real Academia Galega por ser a considerada oficial. En consonancia, a guía de estilo xeral que recomendamos está baseada nesta norma. 
Isto non exclúe de que quen queira realice traducións a normas diferentes como a da AGAL. Calquera interesado en facelo terá a nosa axuda para todo o que precise. 

11. Atopei erros nas traducións. Como se poden corrixir?

As traducións non están libres de erros. Tampouco as traducións realizados por empresas, de produtos libres ou privados, o están. 
O tradutor puidose equivocar entendendo o texto inglés, redactar mal, introducir unha falta de ortografía, un espazo de máis… Ademais algúns aplicativos teñen traducións que poden estar feitas fai anos con outras revisións da norma ou noutra normativa, ser feitas por varias persoas en diferentes momentos e non casar, non ser revisadas… Hai proxectos para traducir tan grandes que é moi laborioso revisar toda a tradución así que nestes é case inevitable que existan erros.
Porén, aspiramos á perfección :)  así que ante calquera erro podes:
  • avisar no foro dese erro, describíndoo, dando información de en que aplicativo está e en que versión deste
  • ou corrixilo ti mesmo se sabes como accesder ao ficheiro de tradución e logo remitilo ao proxecto
Se o erro están un proxecto que coordinamos nós coprobarémolo e corrixirémolo. Se non está nun proxecto noso contactaremos co tradutor deste e informarémolo para que o corrixa. 

Sobre da Asociación Proxecto Trasno

1.- Que é a Asociación Proxecto Trasno e para qué existe?

A Asociación proxecto Trasno é unha asociación autonómica sen ánimo de lucro que ampara ao Proxecto Trasno . Foi creada polos propios membros da asociación no 2009 co ánimo de resolver problemas existentes e de impulsar a labor do proxecto de cara a afianzalo no futuro.  A asociación ocúpase de:

  • asistir e formar aos localizadores
  • manter a infraestrutura do proxecto
  • crear e manter novos servizos de axuda aos localizadores
  • representar ao proxecto ante a administración e outras entidades
  • promocionalo

A asociación non ten ánimo de lucro o o financiamente que poida existir está destinado a cubrir os gastos de aloxamento e mantemento dos servizos do proxecto así como a cubrir os gastos de eventos de formación, promoción e difusión da actividade de localización.

Tes máis inforación sobre da asociación aquí

2. É necesario pertencer á asociación para participar no Proxecto?

Non. Calquera pódese unir ao Proxecto Trasno e non rexistrarse como socio da asociación. Iso si, é requisisto indispensable participar no proxecto para poder rexistrarse na asociación: todos os asociados son tradutores. 

Porén, suxerímoslle ás persoas que localicen software libre se rexistre na asociación. Rexistrándose poderán participar na toma de decisións da asociación, que ao cabo, repercuten no proxecto. 

Usar aplicativos en galego

Que programas están en galego?

Hai literalmente centos de aplicativos de software libre en galego. As principais distribucións linux (Ubuntu, openSUSE, Mandriva), os principais contornos de escritorio (GNOME, KDE, Xfce) e os seus aplicativos asociados (Amarok, K3b, Digikam, Banshee, Gwibber, Evolution…) e outros (VLC, SMplayer, Minitube…) están xa en galego. Isto non quere dicir que non precismos axuda ;)

Onde consigo as traducións e como as instalo?

Se vas intalar Linux escolle o noso idioma durante a intalación. Se xa o usas pero non están en galego asegurate que no panel de control ou nas configuracións da distribución, no apartado de linguas, de que escolleras o galego. O sistema obterá automáticamente os ficheiros necesarios para todos os programas pasen a estar en galego así como correctores ortográficos e outros recursos da lingua. 

Se usas Mac OS X ou Windows, na meirande parte dos casos só terás que escoller o noso idioma durante a intalación ou nas preferencias do aplicativo. 

Poida que algún aplicativo precise de que instales o paquete de lingua por separado. Nese caso deberías ter información de como facelo na súa páxina web. 

Onde consigo software libre?

Podes descargar as distribucións Linux e todos os aplicativos libres de balde da internet. Tes información na wikipedia das distribucións máis coñecidas e as páxinas web de cada unha delas. 

Calquera dos grupos de usuarios de Linux de Galicia te pode axudar a buscar software libre. Tamén nós. Algúns deles teñen locais sociais ata onde te podes acercar para que che mostren e intalen software libre.