Novidades   |   GNU     GNOME     KDE  
  Información   |   Mozilla     OpenOffice     Aplicacións  
  Axuda   |   Guías     Howto     Distribucións  
  Enderezos   |   Ispell     Fortunes     Outros  

Información sobre o proxecto Trasno

"Mereces poder cooperar aberta e libremente con outras persoas que usan software. Mereces poder aprender como funciona o software, e usalo para ensinar ós teus alumnos. Mereces poder pedirlle ó teu programador preferido que o arranxe cando se estraga. Mereces software libre."

Richard M. Stallman, "Why Software Should Not Have Owners"

"A língoa é o noso escudo; ninguén, seia a que seia a forza asoballante en que se encoste e o poder de que dispoña, conquerirá trocar a espritualidade dun pobo nin afogar a súa fala, que é a chave da porta da súa liberdade e o facho que alumea o seu roteiro de eternidade."

Ramón Cabanillas

[english]  English users can follow this link to know more about this project.

1.- Proxecto Trasno
2.- Como usar Linux en galego
3.- Como colaborar
4.- Software Libre e GNU/Linux

1.- Proxecto Trasno

1.1.- ¿Que é o proxecto Trasno?

É o proxecto adicado á adaptación á lingua galega do sistema GNU/Linux e o software libre en xeral. Pretende se-lo punto de encontro onde se reúnan todos aqueles que traballan en calquera dos aspectos que abrangue esta adaptación. Isto inclúe a traducción dos programas (utilidades, interfaces de usuario e instalación das distribucións de GNU/Linux), a documentación sobre diferentes aspectos do sistema, e o diccionario para o corrector ortográfico.

1.2.- ¿É Trasno un acrónimo con algún significado?

Non é nada concreto. A proposta foi de Francisco X. Vázquez Grandal, e tras unha votación resultou elixida pola maioría. Tentamos atopar algo que definise mediante iniciais o proxecto, pero non conseguimos nada acaído (razón pola que usamos ás veces o acrónimo "TRAductores Sen NOme").

1.3.- ¿Como xorde este proxecto?

As orixes de Trasno están en dous grupos diferentes que traballaban por separado. Na primavera de 1999 naceu o grupo GzLinux, fundado por Manuel A. Fernández Montecelo e Woden. Este grupo adicábase á traducción de documentación (guías e manuais).

En xullo de 1999, iniciouse no GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux da Universidade da Coruña) un sub-proxecto coordinado por Jacobo Tarrío, para a traducción, das utilidades de GNU e programas libres en xeral.

Ambos grupos evolucionaron por separado ata que a principios do ano 2000 membros dun e doutro, así como outros independentes, decidiron xuntarse nun grupo único, que servise como punto de referencia para todo aquilo relacionado coa galeguización do software libre.

1.4.- ¿Por que en galego, se xa temos o portugués, o castelán e o inglés?

Habería que preguntar "¿por que non?". Existe en Galicia un gran movemento social para a normalización da nosa lingua, e para o aumento do seu uso en tódolos ámbitos. Por suposto a informática é un dos campos máis importantes, e levamos vendo estes últimos anos como as grandes empresas deste sector rexeitan a creación de productos informáticos en galego.

É algo que se concreta en dous obxectivos complementarios: que os galegos dispoñan na súa lingua dunha das ferramentas máis importantes na actualidade; e que o galego se converta nun idioma común entre os informáticos, contribuíndo así a seguir desfacendo a idea de que o galego é unha lingua inferior, non apta para a cultura e a tecnoloxía.

Obviamente isto non é unha imposición. Se pensas que só favorecemos a Torre de Babel, e que só deberían existir tres ou catro linguas no mundo, é moi doado: só tes que cambia-la variable LANG a "pt", "es" ou "en" (os códigos correspondentes ós idiomas da pregunta). E lembra que cun pouco de sorte, pronto serás capaz de fala-la lingua universal dos animais.

1.5.- ¿Que relación tendes con Galego21?

Ningunha directa, no senso de non formarmos ningún grupo ou entidade común con eles. Mantemos unha relación cordial, e cando cadra de cooperación, pero os obxectivos e os métodos son diferentes. Galego21 é un proxecto máis global (con cousas relacionadas puramente co galego, non só coa informática). É dicir, a súa filosofía básica é a lingua, mentres que a nosa segue a ser o software libre.

1.6.- ¿É Trasno algún tipo de asociación legal?

Non. A coordinación do traballo faise a través de Internet. Moitos dos colaboradores de Trasno non se coñecen, ou vense só unha ou dúas veces ó ano. Non hai necesidade de reunirmonos para tomar decisións (xa que non hai moitas que tomar, polo que non fai falla que ninguén lidere o proxecto) ou para falar da difusión do traballo (dada a natureza do proxecto, o asunto da difusión ós usuarios é algo que non nos atangue, le as preguntas 2.2 a 2.4).

Por todo isto, e tendo en conta o non elevado número de persoas que somos, coidamos que a creación dunha asociación legal non tería ningún beneficio para a nosa actividade, e probablemente só serviría para engadir máis preocupacións que non precisamos. Somos un grupo máis, como tantos outros, da comunidade do software libre.

1.7.- ¿Recibides subvencións de institucións ou de empresas?

Esta pregunta queda respondida coa anterior. Non somos unha asociación, polo que é imposible que recibamos cartos. Aínda no caso de que puidesemos, a maioría de nós non quereriamos traballar por diñeiro. Todos nos favorecemos do software libre feito por xente no seu tempo libre. ¿Por qué iamos nós ser diferentes?

1.8.- ¿Como me podo pór en contacto convosco?

Podes mandar unha mensaxe ao enderezo xeral do Trasno: proxecto@trasno.net. Ten en conta que non é un enderezo privado, senón o dunha lista de correo, e que o van ler ducias de persoas. Se prefires falar directamente co coordinador dalgunha parte do Trasno, nas páxinas dos distintos subproxectos has poder atopa-los seus enderezos.

2.- Como usar Linux en galego

2.1.- ¿Que ficheiros teño que baixar para usa-lo meu Linux en galego?

Esta é unha pregunta habitual e comprensible nos que non coñecen a fondo este sistema operativo. Se todo vai ben, non terás que baixar ningún ficheiro das seccións de programas nesta páxina web, xa que a túa distribución xa incluirá as traduccións. Pode que polo momento non inclúa a documentación en galego, pero podes atopala nesta páxina ou en calquera mirror do LDP (Linux Documentation Project).

Os programas de Linux usan diversos sistemas (xeralmente o de GNU gettext) para dar soporte a múltiples linguas. Isto permite que os ficheiros coas traduccións estean á parte do executable, e que polo tanto non sexa necesario recompila-lo programa para engadir unha traducción.

Nós traducimos eses ficheiros e enviámolos ó autor do programa correspondente, de xeito que as seguintes versións teñan xa a traducción a galego. Logo os distribuidores (RedHat, Debian, SuSe, Mandrake...) collen eses programas e inclúenos nas súas distribucións, que son as que chegan ó usuario de Linux co soporte xa integrado da nosa lingua.

Nalgunha distribucións simplemente terás que escolle-lo galego ó inicio da instalación. Noutras, non terás que facer moito máis que engadir estas liñas no ficheiro .bashrc do teu directorio persoal (ou no /etc/bashrc global):

export LANG=gl
export LC_ALL=gl_ES.ISO-8859-1
export LANGUAGE=gl:es:pt
A variable LANGUAGE é especial, xa que permite poñer unha secuencia de linguas. Se un programa non está en galego, tentará coa traducción castelá, ou coa portuguesa, ou con calquera que poñas nesa secuencia separada por dous puntos. En último lugar sempre se recorrerá ó inglés.

2.2.- ¿Cal é o retardo entre unha versión de Linux en inglés e outra en galego?

¡Ningún! Seguindo co explicado na pregunta 2.1, non ten sentido falar dun retardo entre a "versión inglesa" e a "versión galega", xa que é o mesmo programa o que inclúe as dúas linguas.

Pero non todo podía ser tan doado. Non existe o problema do retardo, pero isto provoca que, nalgúns casos, o traductor non teña tempo de actualizar unha traducción antes de que o autor saque unha nova versión do programa. É dicir, que é posible atopar programas que non estean completamente traducidos e teñan cousas en inglés. É un problema común en tódalas linguas, aínda que en proxectos como GNOME ou KDE se minimiza porque hai un período de tempo asignado para que os traductores poidan actualiza-las traduccións.

2.3.- ¿Cal é a distribución de Linux que ten mellor soporte do galego?

Como regra xeral, sempre terá programas máis e mellor soportados en galego a última versión (a máis actualizada) de calquera distribución, malia que ningunha inclúa polo momento nada de documentación en galego.

Algunhas delas, ademais, teñen traducido a galego os programas de instalación, configuración e xestión. Non é algo decisivo para un usuario avanzado, pero pode axudar ós usuarios que se inician no mundo Linux. Podes atopar cales son na sección de distribucións. O obxectivo é que o maior número delas estean dispoñibles, de xeito que a escolla dunha ou doutra sexa independente de que estea en galego ou non.

2.4.- ¿Ides publicar algún CD coas traduccións, ou crea-la vosa propia distribución?

Non. As preguntas anteriores responden dabondo a esta cuestión. Por suposto, cadaquén é libre de crea-la súa propia distribución, e se cadra especificamente en galego, pero nós non vamos facela dentro do proxecto por considerármolo de pouca utilidade.

2.5.- ¿Que aspecto ten o Linux en galego?

Podes ver aquí unha captura de pantalla (1024x768, 120 Kb) do ambiente de escritorio GNOME, co Gnumeric (folla de cálculo) e o GIMP (programa de retoque fotográfico).

3.- Como colaborar

3.1.- ¿Quen pode participar?

Calquera persoa pode participar neste proxecto. Non se esixe ningún requisito previo para participar, xa que non existe a figura do membro que pertence ou non ó proxecto. Aquí recollemos todo aquilo relacionado coa adaptación do software libre a galego, independentemente de quen o faga.

Ademais diso, ofrecemos unha serie de recursos e apoios para os colaboradores (como a guía de estilo ou o diccionario). Polo dito enriba non é obrigatorio usalos, pero é recomendable tendo en conta que a maior parte do traballo feito está baseado neles. En caso de dúbida, se o coordinador é oficial (é dicir, é o coordinador do grupo galego do proxecto correspondente, como acontece no caso de GNU, GNOME, KDE, e o LDP) será el quen teña a última palabra.

3.2.- ¿Que podo facer, se non son programador?

Para colaborar non é necesario ter altos coñecementos de informática nin saber programación. Mesmo a traducción de programas é unha tarefa á altura de quen saiba utilizar un simple editor de textos.

Para saber todo o que podes facer, é aconsellable ir á páxina de Axuda (con particular importancia a Lista de correo), e logo botar unha ollada ás seccións (as ligazóns que se atopan á dereita na cabeceira da páxina). Tamén podes propór ti unha sección nova na que queiras traballar (p.ex, cousas específicas de *BSD ou outros sistemas libres).

Ademais de colaborar nas seccións en que se divide o proxecto, sempre podes axudar revisando o que xa está feito (faltas de ortografía, incorreccións gramaticais, etc...), ou solucionando as dúbidas lingüísticas (lembra que a maioría dos que aquí colaboramos somos informáticos, non estudiosos da lingua). Mesmo no uso cotián, usando os programas e lendo a documentación en galego, poderás atopar pequenos detalles que unha vez corrixidos levarán a un aumento da calidade.

4.- Software Libre e GNU/Linux

4.1.- ¿Que é software libre?

A definición dada pola FSF para software libre é: A meta de GNU é dar liberdade aos usuarios, para iso necesítase que o software libre se manteña libre e non se convirta en software propietario. Isto pódese acadar mediante o chamado "Copyleft", que usa as leis dos dereitos de copia ("Copyright"), pero que os invirte; así no canto de "privatizar" o software fai que se manteña sempre como software libre. "Copyleft" é pois un xogo de palabras para indicar que ten como meta o contrario do que se pretendía nun principio co "Copyright".

Creouse con este propósito a Licencia Pública Xeral de GNU (GNU General Public License ou simplemente GNU GPL), que é a que usa a meirande parte do software do sistema GNU. Tamén hai actualmente outras dúas semellantes, cun propósito específico: GNU Lesser GPL (anteriormente GNU Library GPL), para usar só con algunhas librerías; e GNU FDL, para usar coa documentación. Son simplemete adaptacións para casos especiais ou partes do software que non son código.

Hai actualmente moitísimo software baixo licencia GPL que non foi feito por GNU, sen ir máis lonxe o núcleo Linux; se non estivera baixo esa licencia seguramente non teriamos hoxe o sistema combinado GNU/Linux. Hai moitas outras licencias, en GNU teñen unha lista de varias explicando brevemente o tipo ao que pertencen (http://www.gnu.org/philosophy/license-list.html).

4.2.- ¿Que é Linux?

Realmente o que se usa na meirande parte dos cases é a combinación do sistema GNU co núcleo Linux. No sistema GNU inclúese tanto software feito por GNU como outro que non é de GNU, pero que é libre. Exemplos disto son a implementación do sistema X-Window de XFree, o servidor de web Apache, TeX, ...

Richard M. Stallman creou o proxecto GNU (GNU é o acrónimo de Gnu's Not Unix, Gnu non é Unix) no ano 1983. En 1985 tamén crea a Fundación polo Software Libre (Free Software Foundation, FSF). O proxecto GNU pretende facer un sistema completo e libre compatible con Unix.

Como todo computador de propósito xeral necesita un sistema operativo, este será o primeiro obxectivo marcado. Sen sistema operativo non se pode nin sequera pensar en utilizar unicamente software libre. Un sistema operativo é moito máis ca un núcleo: cómpren compiladores, editores de texto, intérpretes de comandos ... incluso moito máis ca iso. Por iso levou moito tempo e custou moito esforzo chegar a ter o básico. Ao comezo dos anos 90 estaba case todo o principal feito, pero aínda non se comezara coa cousa quizais máis importante: o núcleo. Comezan a traballar no núcleo deseñado por eles, chamado GNU HURD. Actualmente séguese a traballar niso pero aínda non é estable nin funcional.

Linux foi creado en 1991 por Linus Torvalds, un estudiante de Finlandia, cando decide facer un núcleo que funcione no seu PC compatible. A xente comezou a involucarse e a axudar a Linus no desenvolvemento do núcleo, ben desenvolvendo directamente, probando e avisando de erros ou ámbalas dúas cousas. Unha grande parte deste rápido desenvolvemento débese á rede Internet. Isto constitúe un novo modelo de desenvolvemento de software, tanto polo medio (Internet) como pola cantidade enorme de xente aparentemente non coordinada traballando nun proxecto.

En 1992 combinando Linux co sistema case completo (sen núcleo) de GNU, temos xa o ansiado sistema operativo libre: GNU/Linux, o sistema GNU baseado en Linux. GNU decidiu usar Linux como núcleo alomenos mentres o seu propio núcleo non estivese dispoñible para uso cotián.

Isto non acaba aquí por suposto, en Decembro de 1993 o Linux chega á simbólica versión 1.0, e agora mesmo está a piques de saír a versión 2.4 (cando esteas lendo isto, case seguro que xa a haberá). Por outra banda, GNU tampouco se detén, segue creando software, mellorando o que ten, desenvolvendo o seu núcleo GNU HURD e asumindo novos retos como o escritorio GNOME.

O sistema operativo libre GNU/Linux conta cada vez cunha meirande cantidade de usuari@s. Estase a falar xa de bastante máis de dez millóns de usuari@s; e está a rachar mitos como o de que o software libre non é axeitado para empresas: algúns estudios falan de que máis do 30% das grandes empresas de Estados Unidos o empregan, e preto dun 30% das medianas empresas. As universidades e outras institucións educativas mesmo manteñen moi a miúdo espellos (copias) do sistema completo. Con isto, o sistema operativo libre GNU/Linux é o sistema máis utilizado da familia Unix, e xa está desbancando a outros como Windows NT.

4.3.- ¿Traducides programas comerciais?

Non a nivel de grupo, a menos que sexa absolutamente necesario. Un exemplo é a traducción da instalación de SuSE, que non é "free", senón "semi-free", segundo as categorías de GNU.

No caso de que alguén estea a buscar xente para traducir software propietario, non hai problema en usa-la lista para anuncialo, pero non para que lle deamos soporte na páxina.