Novidades   |   GNU     GNOME     KDE  
  Información   |   Mozilla     Aplicacións     Distribucións  
  Axuda   |   Guías     Howto     Páxinas man  
  Enderezos   |   Ispell     Fortunes     Outros  

Traducción de programas | Traducción de documentación
Guía de estilo | Diccionario | Lista de correo | IRC

Novos Traductores

O proceso para nos axudares a traducir software é sinxelo, ainda que pode ser un pouco confuso, sobre todo ao principio. Sen embargo, tratarei de explicar aquí todo o que debes saber para o faceres.

  1. Escolle un programa para traducir

    Periódicamente publícanse na lista de correo (trasno@ceu.fi.udc.es; mira na páxina da lista para saberes como te subscribir) unhas "estatísticas" do traballo que levamos xa feito; nelas podes ver que paquetes hai xa traducidos, que paquetes están a selo, e que paquetes hai libres. Podes coller un dos paquetes libres, ou ofrece-la túa axuda a un dos que estean a traducir algún.

    Tamén podes ver listados actualizados regularmente dos paquetes que hai nos distintos equipos de traducción de software, co seu traductor asignado, e a porcentaxe de mensaxes traducidas. Podes ve-la páxina da traducción de GNU, a da traducción de GNOME e a da traducción de diversas aplicacións.

    Se queres traducir algo e non sabes que, escribe unha mensaxe na lista de correo, especificando as túas preferencias, e axudaremoste a atopar un paquete axeitado para ti.

    Tamén podes traducir programas non incluidos agora no proxecto; só só con nos avisar, anotámoste na nosa lista de traballos que están a se facer (ou traballos xa feitos).

  2. Consigue o ficheiro de traducción do programa

    Moitos programas están xa preparados para seren traducidos. Algúns deles usan o sistema "Uniforum", ou gettext, que separa o código fonte do programa e as mensaxes traducidas: con este sistema, é posible traducir un programa e logo emprega-la traducción ¡sen ter que volver compilar ou instala-lo programa! Este é o caso de tódolos programas que levamos xa traducidos para este Proxecto; isto facilita e uniformiza o proceso de traducción enormemente, xa que existen moitas ferramentas para traballar con este sistema. Instala GNU gettext, que é a ferramenta GNU que empregamos para isto.

    Neste sistema, existen tres tipos de ficheiro: o ficheiro "patrón" (POT, *.pot), que contén as mensaxes no idioma orixinal; o ficheiro traducido (PO, *.po), que contén as correspondencias mensaxe orixinal <-> mensaxe traducida; e un ficheiro traducido compilado (MO, *.mo), que se obtén do PO, e que é o que empregan os programas.

    Para traducires un programa, primeiro tés que obte-lo ficheiro POT correspondente. No noso arquivo están os ficheiros POT de tódolos programas incluidos no Proxecto. Se queres traducir algún ainda non incluido nel, terás que obte-lo código fonte do programa, copia-los ficheiros POT a un sitio seguro, e logo enviárnolos para que os poidamos armacenar.

    Se o programa non inclue ficheiros POT e estes non están no noso arquivo nin no do autor, podes preguntarlle ao autor se o programa permite internacionalización (algúns chámanlle "localización") e que sistema emprega. Se ainda non a permite, fálalle de gettext e das avantaxes que ten internacionaliza-los programas.

  3. Cumpre os requirimentos do autor do programa

    Algúns autores e propietarios do Copyright dos programas piden que cumpras algunhas condicións para acepta-las túas traduccións. Por exemplo, a Free Software Foundation (FSF) esixe que o Copyright da traducción sexa cedido a ela. O mesmo pasa con algunhas distribucións de Linux. No resto dos casos, o Copyright pode pertencer ao autor da traducción.

    É preciso que cumpras esas condicións, porque, se non o fas, o autor orixinal non aceptará inclui-la traducción na distribución oficial do programa, e, polo tanto, moi pouca xente poderá utilizala.

    Para lle cede-lo Copyright da traducción á FSF tés que encher e asinar un impreso que en inglés se chama "Translation Disclaimer". Nel pídenche datos coma o nome completo, enderezo, o pais no que vives e os equipos nos que pensas participar en principio. Cando estea enchido, asínao e mándao ao enderezo que pon no mesmo impreso.

    Cando reciban o impreso, avisarante por correo electrónico, e a partires dese momento poderás traducir tódolos programas da FSF que queiras sen ter que mandar máis "Disclaimers". Isto adoita levar entre un mes e mes e medio. Isto adoita se-lo que detén o proceso das traduccións; ten paciencia, vai traducindo mentres non chega a confirmación, e cando estea, xa estarás preparado para envia-las traduccións que teñas feitas.

    Noutros casos, o proceso de cesión do Copyright é diferente; tés que te asegurar de como o tés que facer.

  4. Traduce o programa

    Un ficheiro POT é un patrón sobre o que se constrúen as traduccións. Para face-la túa, copia o ficheiro POT a un novo ficheiro, con "estensión" gl.po, de xeito que se o ficheiro POT se chamaba programa.pot, o ficheiro no que traducirás chamarase programa.gl.po.

    Abre o teu editor de texto preferido, e ¡edita o ficheiro! Se usas GNU emacs, poderás emprega-lo "PO mode", que facilita moitísimo a edición de ficheiros PO.

    Supón que queres traduci-lo programa GNU hello. Para iso, primeiro tés que obte-lo ficheiro hello-1.3.24.pot e logo copialo a un ficheiro novo chamado hello-1.3.24.gl.po.

    A parte do nome ata o guión é o nome do programa (tamén chamado "paquete"), neste caso hello. Os números dende o guión indican a versión do paquete; neste caso, é a 1.3.24. As seguintes dúas letras son o código ISO do idioma; GL é o código do galego. Por último, as letras PO indican que o ficheiro é un ficheiro de traducción.

    Cando abra-lo ficheiro, verás algo semellante a:

    # SOME DESCRIPTIVE TITLE.
    # Copyright (C) YEAR Free Software Foundation, Inc.
    # FIRST AUTHOR <EMAIL@ADDRESS>, YEAR.
    #
    #, fuzzy
    msgid ""
    msgstr ""
    "Project-Id-Version: PACKAGE VERSION\n"
    "POT-Creation-Date: 1999-08-21 08:11+0200\n"
    "PO-Revision-Date: YEAR-MO-DA HO:MI+ZONE\n"
    "Last-Translator: FULL NAME <EMAIL@ADDRESS>\n"
    "Language-Team: LANGUAGE <LL@li.org>\n"
    "MIME-Version: 1.0\n"
    "Content-Type: text/plain; charset=CHARSET\n"
    "Content-Transfer-Encoding: ENCODING\n"

    aquí só tés que cambia-las palabras en maiúsculas polos valores máis axeitados, e logo quita-la liña que pon "fuzzy", para indicar que a cabeceira xa é válida:

    # Galician translation of hello
    # Copyright (C) 1999 Free Software Foundation, Inc.
    # José María Casanova Crespo <jmcc@enderezo.es>, 1999.
    #
    msgid ""
    msgstr ""
    "Project-Id-Version: hello 1.3.24\n"
    "POT-Creation-Date: 1999-08-21 08:11+0200\n"
    "PO-Revision-Date: 1999-08-06 12:54+0200\n"
    "Last-Translator: José María Casanova Crespo <jmcc@enderezo.es>\n"
    "Language-Team: Galician <gpul-traduccion@ceu.fi.udc.es>\n"
    "MIME-Version: 1.0\n"
    "Content-Type: text/plain; charset=iso-8859-1\n"
    "Content-Transfer-Encoding: 8bit\n"

    Máis adiante no ficheiro, atoparás grupiños como os seguintes, que definen unha relación entre un texto no idioma orixinal e un texto no idioma traducido:

    #: src/getopt.c:582
    #, c-format
    msgid "%s: option %s' is ambiguous\n"
    msgstr ""

    Como podes adiviñar, só tés que poñer despois da palabra "msgstr" a traducción do texto que vai despois da palabra "msgid", procurando respecta-lo seu formato:

    #: src/getopt.c:582
    #, c-format
    msgid "%s: option %s' is ambiguous\n"
    msgstr "%s: a opción %s' é ambigua\n"

  5. Proba a traducción

    Cando acabes, o primeiro que tés que facer coa túa traducción é probala, na busca de erros. De camiño que a probas, tamén a podes compilar para instalala no teu ordenador, e disfrutar da túa traducción a galego.

    Para compilar e proba-la traducción has de ter instalado o paquete GNU gettext. Nel inclúese o programa msgfmt, que é o que vas empregar.

    Seguindo coa suposición de que o paquete é o chamado hello-1.3.24.gl.po, para probar este paquete escribe a orde:

    msgfmt -vvv -c hello-1.3.24.gl.po -o /dev/null

    Deste xeito, se hai algún fallo, dirache cal é, en que liña está, etc.

    Cando xa teñas probada a traducción, podes compilala, para instalala no teu ordenador e usala activamente. Para iso, executa estes dous comandos (o segundo coma root, a non ser que teñas configurado o teu ordenador de forma que o poidas evitar):

    msgfmt hello-1.3.24.gl.po -o hello.mo
    mv hello.mo /usr/share/locale/gl/LC_MESSAGES/

    Se o directorio /usr/share/locale/gl/LC_MESSAGES/ non existe, créao no teu ordenador.

    Despois, para emprega-lo novo ficheiro, escribe a orde:

    export LC_MESSAGES=gl_ES

    Pódela poñer nos scripts de inicio do teu usuario (.bash_profile, .login, etc...), para non a ter que escribir cada vez que queiras emprega-la versión traducida.

  6. Actualiza a traducción no noso servidor

    Unha vez que probache-la traducción, terás que nola enviar para que nós podamos probala e avisarche dos posibles erros que conteña, e para que todos os que queiran poidan baixala destas páxinas.

    O método máis sinxelo é enviándoma por correo electrónico, comprimida, pero antes de enviarme nada, fala comigo (o meu enderezo está no fondo desta páxina).

    De tódolos xeitos, o método que se prefire é o CVS; isto permíteche face-las actualizacións ti só, e ao mesmo tempo, ter unha versión permanentemente actualizada das traduccións armacenadas no servidor. E, ademáis, así non terei que investir eu tempo en actualizar eu as túas traduccións.

    Para poder actualizar por CVS, terás que me pedir unha conta; con ela, dareiche instruccións para usar CVS, se mas pides. Síntoo, pero non hai CVS anónimo...

  7. Envía a traducción do programa ao seu autor

    Cando a nosa traducción xa estea feita, só nos queda enviarlla ao autor, para que a inclúa nas seguintes versións do programa. O xeito de o facer depende do programa.

    Se o programa está cuberto polo Proxecto Libre de Traducción, terás que envialo usando o TP-Robot. O TP-Robot é un programa que recibe os ficheiros traducidos por correo electrónico, desempaquétaos, failles unhas poucas análises para comprobar que sexan correctos técnicamente falando, e, se o son, ponnos no arquivo xeral do Proxecto Libre de Traducción e envíaos ao mantedor do paquete.

    Para utilizalo, só tés que envia-lo teu ficheiro adxunto mediante MIME ou UUEE (a meirande parte dos lectores de correo usan MIME) ao enderezo translation@iro.umontreal.ca, e poñendo na liña de Asunto (Subject) a palabra "TP-Robot" seguida do nome do ficheiro que envías.

    Nuns minutos recibirás unha resposta do robot onde che indica os resultados da análise do ficheiro, e che pide que corrixa-los fallos que haxa no ficheiro, ou che di que o ficheiro foi aceptado no arquivo.

    Outros programas utilizan outros métodos; mira na súa documentación para saber que facer.

  8. Mantén a traducción actualizada

    O traballo de traductor non remata ao finaliza-la traducción; cada vez que saia unha nova versión do programa, é posible que teñas que actualiza-lo ficheiro de traducción para que se adapte as novas circunstancias. As ferramentas de GNU gettext inclúen msgmerge, un programa que "mestura" un ficheiro PO dunha versión antiga cun ficheiro POT dunha versión nova.

    Supón que tiñas traducida a versión 1.3.22 de hello no canto da 1.3.24, e que queres actualiza-la traducción á 1.3.24, sen ter que volver facer todo o traballo. Té-lo ficheiro hello-1.3.22.gl.po e o ficheiro hello-1.3.24.pot: para xera-lo ficheiro hello-1.3.24.gl.po só tés que usa-la orde:

    msgmerge -o hello-1.3.24.gl.po hello-1.3.22.gl.po hello-1.3.24.pot

    Despois disto, terás no ficheiro hello-1.3.24.gl.po as traduccións do hello-1.3.22.gl.po que seguen sendo válidas na versión 1.3.24. Ademáis, nalgunhas frases novas faise unha comparación mediante lóxica borrosa, e márcase coa cadea fuzzy.

    Despois de revisa-lo ficheiro hello-1.3.24.gl.po, completa-las traduccións que quedaron baleiras no novo ficheiro, e revisa-las traduccións marcadas con fuzzy (lémbrate de lles quitar esta marca), xa podes envia-lo novo ficheiro ao autor.

  9. É moi posible que non estea explicado nesta páxina todo o que fai falla saber; no texto automático de benvida aos novos traductores (escrito por François Pinard, coordinador do Proxecto Libre de Traducción) descríbese todo con máis detalle. De tódolos xeitos, mándame unha mensaxe coas túas suxerencias.

    Jacobo Tarrío