A RAG publica o seu novo dicionario electrónico

A Real Academia Galega presentou o seu novo dicionario que xa é consultable no seu sitio web. Este novo dicionario inclúe múltiples melloras entre as que se encontran un aumento significativo da cantidade de entradas ata máis de 50000, a inclusión de usos actuais como os relacionados coa informática, a posibilidade de escoitar as palabras, unha lista de entradas máis consultadas, busca preditiva, a consulta de entradas aleatorias, a integración con redes sociais como Twitter ou o envío de suxestións para a mellora constante do novo dicionario.

O dicionario elaborouse a partir dun amplo corpus do galego moderno e o seu carácter é normativo, razón pola cal ofrece diversa información sobre a grafía, significados, información gramatical, sinónimos e antónimos, etc.

No que atinxe ao Proxecto Trasno esta nova agardouse durante anos e este novo dicionario pasa automaticamente a converterse nun recurso de consulta de primeira orde para todos os colaboradores do proxecto. Ademais a existencia do dicionario facilitará as futuras discusións terminolóxicas que se realizarán nas vindeiras Trasnadas debido a que varios termos pendentes de discusión xa se trataron neste dicionario, como por exemplo escáner ou rato, e tamén valida varias das escollas realizadas durante as anteriores Trasnadas, como por exemplo devasa, ficheiro, icona ou xanela.

Publicado o novo GNOME 3.4 ao 100% en galego


Ven de publicarse o novo GNOME 3.4, a primeira versión do Ano da Accesibilidade de GNOME.

Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados na moderna concepción do escritorio GNOME 3. Ademais fíxose un importante traballo na mellora da accesibilidade deste contorno de escritorio.

E por suposto, unha vez máis GNOME 3.4 está dispoñíbel 100% en galego. Nesta ocasión ademais con una meta que se nos meteu na cabeza, chegar ao 40% da documentación (tamén accesíbel por web) e minimizar o número de aplicativos con traducións parciais dos aplicativos extras de GNOME, chegando así até o 77%  tamén en galego. Esta última meta realizouse uns minutos antes de que finalizara o tempo.

Cambios importantes

Como se pode ler nas notas de publicación de GNOME 3.4 (tamén en galego), esta nova versión chega cargada de melloras e novidades que teñen como resultado un GNOME 3 máis brillante, máis ordenado e máis seguro.

A Comunidade de Software Libre celebra o Día da Liberdade dos Documentos

Proxecto Trasno súmase co resto da comunidade de software libre galega http://galpon.org ; http://ociorum.org ; http://comunidadeozulo.org ; http://piratasdegalicia.org/dfd2012/ ; http://toniocastro.wordpress.com/ ; http://webmelisa.es/ ; http://www.bestarruza.com/ ; http://www.kutus.es) e xunto coa internacional ao día da reivindicación do formatos abertos para os nosos documentos. Para poder compartilos, para permitir a interoperabilidade dos sistemas e para garantir a sostibilidade da información.

Libera os teus documentos!

Día da liberdade dos documentos

28 marzo 2012


Manifesto

/#contenedor-superior-mid" target="_blank">Libera os teus documentos!

O Día da Liberdade dos Documentos (DFD) é unha iniciativa levada adiante por organizacións do campo do acceso ao coñecemento, a non discriminación e o software libre, segundo iniciativa da FSF (Free Software Foundation) en todo o mundo.

O obxectivo é chamar atención sobre a importancia de conservar os documentos dixitais que empregamos en formatos libres e baixo estándares abertos, así como promover a adopción de formatos de documentación abertos, integrar unha rede global e coordinar actividades para difundir a importancia destes conceptos na era dixital.

Chamar a atención sobre este tema permitiranos construír un modelo de comunicación dixital onde ningunha persoa sexa discriminada ou tratada con menores beneficios que outra polo software que emprega. En particular, é especialmente preocupante cando é a Administración Pública quen xestiona as súas comunicacións de modo tal que discrimina a quen utilizan software libre e beneficia ou mantén a posición dominante dunha soa empresa ao requirir o uso dos seus produtos para comunicarse coa Administración Pública.

Normativa de uso de estándares abertos da Xunta de Galicia


Directriz 1
✔ Os documentos que se poñan a disposición dos usuarios deben estar en formatos abertos, preferiblemente PDF (de acordo coa ISO 32000) ou ODF.
No caso de publicación de documentos en formatos pechados (por exemplo os creados co Microsoft Office) débense habilitar alternativas en formatos abertos


Lembremos que existen suites ofimáticas libres como LibreOffice, Calligra, OpenOffice.org ou KOffice, e outros programas de software libre como Abiword que permiten cumprir estes obxectivos. Todo este software libre é traducido na actualidade por membros do Proxecto Trasno.

Un pequeno consello: Como facer PDF modificábeis de maneira sinxela.

Trasno colabora no Fiadeiro de localización de software libre na USC

Os trasnegos aledámonos de colaborar no vindeiro Fiadeiro de localización de software libre realizado na Universidade de Santiago de Compostela. Convidámosvos a vos matricular e aprender coa axuda de Enrique Estévez e Antón Méixome.

A comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría desenvolverá o "IV ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de Software Libre"  en colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Proxecto Trasno para promocionalo uso de SWL na USC e a localización de aplicativos a nosa lingua. Con máis detalle, preténdese:

  • Fornecer a formación técnica para a localización ao galego de software libre
  • Contar con software que se use na USC en galego, mediante procesos de localización
  • Impulsar a comunidade universitaria de localización
  • Impulsar o uso do galego
  • Impulsar o coñecemento e o uso do software libre

Realizarase en tres xornadas no mes de abril e consistirá en 6 horas de formación nas que logo se acometerá outras 9 máis a tradución ao galego de aplicacións de software libre, baixo a supervisión do profesorado do Fiadeiro. 

O prazo de matricula estará aberto do 26 de marzo ao 15 de abril de 2012. Con este curso poderase acceder ao recoñecemento de créditos de libre elección, dun diploma de asistencia por 15 horas, e de constancia da experiencia de traducións. Mesmo se lle outorgará un premio á parella que máis cadeas traduza e con máis calidade. Dispoñedes de máis información e de como incribirse na páxina da USC do fiadeiro. 

Vídeos promocionais de Mozilla con subtítulos en galego

Logotipo do Proxecto Trasno

A comunidade de tradutores de produtos de Mozilla ao galego traduciu os subtítulos de varios vídeos promocionais sobre Mozilla e o seu navegador web Mozilla Firefox. Na tradución de ditos subtítulos participaron varios membros de Proxecto Trasno que ademais revisaron as traducións para asegurar a súa corrección.

A tradución dos subtítulos de vídeos promocionais de Mozilla enmárcase dentro dunha iniciativa para potenciar o espallamento do software libre e aumentar o seu uso polo público, así como para facilitar o proceso de captación de novos colaboradores para os proxectos de software libre de Mozilla.

  • Cámbiate a Firefox

 

 

  • Participar en Mozilla

 

O Proxecto Trasno publica os acordos terminolóxicos da Trasnada 11.1

Logotipo do Proxecto Trasno

Despois de moito tempo de preparación os voluntarios do Proxecto Trasno aledámonos de publicar os acordos terminolóxicos acadados na Trasnada 11.1 celebrada na cidade de Vigo o pasado 12 de novembro e que forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2011 da Xunta de Galicia.

Durante esta Trasnada discutiuse sobre moitas cuestións terminolóxicas e chegouse a un acordo sobre uns 50 novos termos incluído algún conflitivo, o que sumado aos máis de 80 acordos da Trasnada 11.0 e os 20 da Trasnada 10 supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre. Quizais o máis importante sexa que o valor destes acordos é maior debido a que ademais de gran número de voluntarios do Proxecto Trasno tamén participaron nas discusións outras persoas interesadas e alleas ao proxecto.

Os resultados están dispoñibles para todas aquelas persoas interesadas na páxina de resultados das Trasnadas en formato estándar TBX (Term Base eXchange), e xa preparados para poder usarse nas principais ferramentas de axuda para a tradución con ordenador (CAT). Nesa mesma páxina tamén se poden descargar os resultados das anteriores Trasnadas.

Ademais este traballo de asentamento de terminoloxía tamén se incorporou a ferramentas de comprobación automática como Pology, para o cal Marce Villarino creou regras para comprobar que nas traducións se aplican os consensos acadados pola comunidade, e que xa están integradas na versión oficial de Pology de forma que toda aquela persoa interesada poida usalas para revisar as súas traducións.

Ditas regras para Pology xa se usaron para realizar comprobacións e corrixir milleiros de traducións en varios dos proxectos máis importantes do Proxecto Trasno, como Lxde, Xfce, KDE e GNOME, para deste xeito aplicar canto antes os acordos acadados nas Trasnadas.

Pódese atopar máis información sobre as regras para Pology na páxina de resultados das Trasnadas, onde se publicarán tamén os resultados das vindeiras Trasnadas que celebraremos durante este ano.