Publicouse KDE SC 4.8


Publicouse KDE SC 4.8, coa tradución das partes esenciais completa ao 100%.

Na localización da versión 4.8 colaboraron (por orde alfabética do apelido):

  • Xosé Calvo (kdeedu, kdepim, extragrear-graphics, extragear-network,
  • Adrián Chaves (kopete, rekonq, skrooge),
  • Manuel Vázquez (kdemultimedia, playground-multimedia, playground-sysadmin)
  • Marce Villarino (kdelibs, kde-runtime, kde-workspace, qt)

O equipo de L10n de KDE ao galego está composto por persoas voluntarias que realizan este traballo de xeito altruísta no seu tempo libre. Na actualidade non se recibe colaboración ningunha procedente de persoal remunerado por realizar esta labor.

A tradución da GUI de KDE está na actualidade en arredor do 75%, estando pendentes de tradución e revisión unhas 47K unidades de tradución.

Calquera axuda será benvida.

Asemblea extraordinaria da asociación

Logotipo do Proxecto Trasno

Este 28 de xaneiro está convocada a Asemblea extraordinaria da AC Proxecto Trasno para proceder á primeira renovación da Presidencia e Directiva logo da súa creación hai dous anos. Celebrarase na Cervexería Internacional da Área Central de Santiago de Compostela ás 16:00.

A asociación xurdiu no 2009 cos traductores do Proxecto Trasno, xa nado no 1999, para representar ao proxecto e fomentar a localización de software libre ao galego. 

Calquera interesado en coñecer o Proxecto Trasno e a súa Asociación, que se achegue. Será máis que benvido ;D

Publicouse Qt 4.8.0, con localización ao galego

As bibliotecas Qt acadaron outro fito na súa evolución coa publicación da versión 4.8.0.

Esta versión inclúe localización ao galego, o que permitirá que os usuarios dos programas baseados nestas bibliotecas localizados a esta lingua poidan gozar dunha versión completamente localizada, sen que ocasionalmente aparezan mensaxes non traducidos procedentes da infraestrutura.

A L10n ao galego foi revisada no necesario para cumprir cos acordos das Trasnadas (agás erro ou omisión involuntaria) utilizando a ferramenta Pology.

Publicouse Pology 0.10

O  día 2011-11-25  ás 15:05 publicouse a versión 0.10 de pology.

Parabéns ao equipo de desenvolvemento, ... e a gozalo os usuarios.

Concesión dos Premios aos mellores PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n)

Coincidindo coa celebración da Trasnada 11.1 en Vigo, vimos de publicar as conclusións do Xurado dos Premios aos mellores PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n).

Transcribimos as partes fundamentais da acta do Xurado:

Composición do Xurado

  • D. Oscar Diaz Fouces é profesor titular do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Dirixe o Grupo de Estudos das Tecnoloxías Libres da Tradución.

  • D. Iván Area Carracedo é profesor titular do Departamento de Matemática Aplicada II. Foi vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. Foi coordinador do Proxecto Ronsel.

  • D. Felipe Gil Castiñeira é profesor titular do Departamento de Enxeñaría Telemática na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Ata o ano 2010 foi coordinador do equipo de tradución ao Galego de Ubuntu

  • D. Roberto Vieito Raña, designado pola Oficina de Coordinación FLOSS en delegación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación da Xunta de Galicia

Actúa como Secretario, sen voz nin voto, do mesmo

  • D. Miguel Anxo Bouzada, na súa calidade de Vicepresidente da «Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno»

...

Declaración dos gañadores dos Premios

Por unanimidade do Xurado, declarase gañador do primeiro «Premio ao mellor PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n)» dotado cunha contía de 600,00€, ao único proxecto presentado, correspondente a:

Título do proxecto:

«Desenvolvemento de aplicativo para a discusión colaborativa de terminoloxía utilizando tecnoloxías Web 2.0 e a infraestrutura de desenvolvemento web Django»

Nome e apelidos do autor:

Leandro Regueiro Iglesias

Datos do director do proxecto:

David Cabrero Souto

Por non teren sido presentados máis proxectos declarase deserto o segundo premio dotado cunha contía de 400.00€.

Asinado, en Vigo a 10 de novembro de 2011

Miguel Anxo Bouzada

Secretario do Xurado

Podedes descargar a acta completa en formato PDF, coa marca de auga da sinatura electrónica

Nota: a dotación económica deste premio está patrocinada pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, ao abeiro do Convenio de colaboración entre esta Secretaría e as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre.

Actualización das regras do Pology

As regras do filtro check-rules da ferramenta pology foron actualizados segundo os acordos da Trasnada 11.0.

Esta actualización presenta regras básicas polo que é de esperar que polo momento detecten grande cantidade tanto de falsos positivos como falsos negativos.

Para mellorar na escollas das regras a aplicar a cada caso particular, engadiuse un ficheiro README onde se explica a estrutura dos identificadores das regras.

Asemade revisáronse as licenzas dos distintos ficheiros, que se distribúen sob unha BSD de 3 cláusulas no caso dos ficheiros de regras e no da documentación a «The FreeBSD Documentation License».