Agasallo do equipo de tradución de Ubuntu á comunidade galega para celebrar o 17 de maio

Cando rematamos o proceso previo para a publicación da versión 11.04, propuxémonos facer un esforzo para acadar un maior nivel de tradución do «total» da distribución (a interface xa estaba ao 100%) e ir subindo postos no listado de idiomas traducidos.

Cando rematamos a fase antedita, ocupabamos a posición 17 a 6.300 liñas do seguinte idioma, e ese era o noso reto, sen esquecer que os outros idiomas tamén seguen a traducir, polo que estimabamos que necesitariamos arredor das 10.000 liñas novas.

Outro obxectivo que levabamos de vello, era acadar a posición 15 (o que requiría outras 3.000 liñas máis) nese listado, e despois acadar o 70% do total traducido.

Puxémonos man a obra e hoxe, 17 de maio, Día das Letras Galegas podemos informarvos de que acadamos todos os nosos obxectivos. Estamos na posición 15 e cun 70% traducido.

Debemos ter en conta que por cousas da demografía e do pouco apoio institucional, somo un dos equipos máis pequenos, polo que o noso esforzo tiña que ser moi grande. Déixovos un gráfico onde comparamos o traballo do noso equipo cos equipos de portugués e de catalán.

Melisa celebra as Letras Galegas facendo fincapé no galego nas novas tecnoloxías

A asociación de usuarios de software libre de Melide celebra entre hoxe e mañá as letras galegas dun xeito particular. Por alí andaremos algúns trasnegos. Convidámosvos a celebrar alí tamén un día tan sinalado. 

No seu web cóntannolo así:

Con motivo do Día das Letras Galegas 2011, Melisa organiza dúas actividades os próximos días 16 e 17 de maio.

A primeira delas terá lugar na Biblioteca Pública Xosé Vázquez Pintor de Melide, o luns 16 ás cinco da tarde. O acto consistirá nunha demostración práctica de diferentes ferramentas informáticas (navegador, procesador de texto, xestor de correo, etc.) que están localizadas ao galego, e no que os asistentes poderán aprender a usar o galego nos seus equipos ou terminais móbiles.

Tamén queremos aproveitar dito evento para realizar un agradedcemento público a todas aquelas persoas que voluntariamente están traballando para que todos poidamos usar o galego na nosa actividade diaria.

O segundo acto terá lugar o propio día das letras galegas, martes 17 de maio ás 12:00 h, na Cervexería A Fundación de Melide, e o contido será o mesmo que no evento anterior.

A entrada é de balde, e podedes traer os vosos equipos para facer as prácticas con eles.

Haberá agasallos para os asistentes.

A Mesa gaña o II premio Rosalía de Castro de Lingua

A Mesa pola Normalización Lingüística recolleu este pasado sábado o premio Rosalía de Castro de Lingua, convocado pola Deputación da Coruña e que nesta segunda edición lle foi concedido a organización. Desde o Proxecto Trasno queremos darlle os nosos sinceros parabéns.

A concesión do galardón publicouse o pasado 26 de abril durante unha rolda de prensa na que se salientou que se trata dun premio honorífico e sen dotación económica, e que recaeu na Mesa pola Normalización Lingüística “pola súa traxectoria de 25 anos a prol da normalización da lingua galega en moitos ámbitos sociais e públicos e como impulsora continuada da legalidade derivada da Lei 2/1983 de normalización lingüística de doutras leis autonómicas e do Estado”.

O acto formal de entrega do galardón tivo lugar este pasado 7 de maio, durante a IV edición da Festa da Lingua que se celebrou en Carballo.

A Mesa pola Normalización Lingüística impúxose a outras sete candidaturas, “todas elas merecedoras do premio”, segundo manifestou o voceiro do xurado. Entre as candidaturas incluíase a nosa candidatura, a do Proxecto Trasno, e que foi presentada por segundo ano consecutivo por varios Grupos de usuarios de software libre de Galicia. A estes colectivos e entidades querémoslle agradecer o esforzo de redacción da prosta e a entrega da candidatura ao premio. Desde o Proxecto Trasno seguiremos traballando arreo coma ata agora, poñéndolle futuro ao galego.

Convidámosvos á festa de lanzamento de GNOME 3

Co lanzamento da versión 3, o proxecto Gnome dá un enorme salto cualitativo tanto dende o punto de vista tecnolóxico, como dende o punto de vista funcional. Deste xeito, a nova versión representa a nova xeración do escritorio libre por excelencia.
 
Para difundir a trascendencia deste lanzamento, o vindeiro xoves 28 de abril na aula 3.1 da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, celebraremos a Gnome 3 Lauch Party galega.
 
Para profundizar axeitadamente en Gnome3, temos preparado o seguinte programa:
 
  • 18:00 – 18:15    Presentación da GNOME 3 Launch Party Galicia
  • 18:15 – 18:45    Presentación do proxecto GNOME
  • 18:45 – 19:15    Demo de GNOME 3
  • 19:15 – 19:45    GNOME 3  galeguizado
  • 19:45 – 20:00    Sorteo de agasallos entre os asistentes, incluíndo un portátil con GNOME 3!!
A Launch Party galega está sendo organizada pola Asociación Ghandalf en colaboración coas Asociacións Gpul e a Asociación Trasno, contando co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Convenio 2011 coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre.
 
En base ao programa exposto, percorreremos a interesante historia do proxecto Gnome, amosando as importantes innovacións presentes tras do recente salto xeracional, para a continuación ver en acción o que Gnome 3 nos ofrece, e coñecer de primeira man o intenso traballo da comunidade galega de localización de Gnome, a cal posibilitou que todos nós poidamos disfrutar de Gnome 3 en galego dende o primeiro día.
 
Para rematar a launch party, repartiremos agasallos entre todos os asistentes. A maiores das camisolas, chapas, tazas, etc. conmemorativas do lanzamento, tamén podes conseguir un portatil con Gnome 3, listo para que poidas empregar a última versión deste exitoso escritorio libre!

Ubuntu 11.04 coa súa interface, unha vez máis, ao 100% en galego

Semella sinxelo, mais o traballo e moito, máis nesta versión en que Ubuntu cambia ao contorno de escritorio «Unity», porén, unha vez máis, o esforzo pagou a pena.

Certamente temos unha comunidade de tradución que merece todos os nosos parabéns, sendo de xustiza lembrar as excelentes relacións entre todos os equipos que conforman o Proxecto Trasno e que tamén teñen a súa parte importante neste logro, como son os equipos de Gnome, LibreOffice, Firefox, LXDE, KDE, etc...

orixinal da captura

Trasno estará na Xuventude Galicia Net, en ExpoOrdes e na Noite Drupal e GNU/Linux esta fin de semana

Aos trasnegos espéranos unha fin de semana con intensa actividade xa que estaremos presentes nos tres eventos de relevancia na comunidade galega.

Este Sábado 16 estaremos no Stand Promocional da comunidade galega do Software Libre que haberá na área de entrada á Xuventude Galicia Net 2011, evento que indo xa na súa decimosegunda celebración é a maior xuntanza informática galega. Alí estaremos todo o día promocionando o software libre e ensinando o noso traballo. Ademais contaremos con dous relatorios de entrada libre:

  • "11 anos de informática en galego", un relatorio-debate na que se analizarán estes 11 anos de traballo comunitario traducindo ao galego e as perspectivas de futuro.
  • "Obradoiro de localización", unha sesión de iniciación á tradución de software libre na que se pretende dar unha rápida noción de como comezar a traducir.

Asi mesmo, dende a tarde deste Venres 15 ao Domingo 17 estaremos acompañando á asociación Inestable de Ordes no seu stand na feira multisectorial ExpoOrdes 2011 e XXII Festa do Champiñón. Se se repiten as cifras do ano pasado, máis de cincuentamil persoas pasarán pola feira, que o maior evento anual da comarca. Alí poderas contactar connosco e mostrarche a nosa labor e mesmo montarmonos un taller de localización improvisado. Por descontado, desfrutarás de todas as sorpresas preparadas polos inestables!. 

Por último, non nos podemos esquencer de que tamén estará algún trasnego na Noite Drupal e GNU/Linux que organizan os do Zulo de Mugardos. Aos amigos do Zulo desexámoslle o mellor do evento. Dende logo entre receitas de cociña e baazares, promete esta primeira edición.

Se che interesa coñecernos, non perdas a oportunidade de acudir a calquera dos eventos e presentarte!.