Publicamos a nova versión do corrector ortográfico Hunspell do galego, para LibreOffice e OpenOffice

Outubro 21st, 2012 | Por administrador en Ferramentas

Dende o Proxecto Trasno e baixo a coordinación de Antón Méixome liberamos hoxe unha nova versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego: a version 12.10 «Manuel Pintos».

Hunspell é o corrector ortográfico de LibreOffice, OpenOffice, Mozilla Firefox 3 e Thunderbird, Google Chrome, ademais de outros aplicativos privativos (e que non aconsellamos) como Mac OSX, InDesign, memoQ, Opera e SDL Trados.

Arestora asumimos no Proxecto Trasno, da man de Antón Méixome, levar a coordinación e mantemento do dicionario Hunspell. O Hunspell para galego nace no 2006 da man de Mancomún e tomando o relevo dos correctores ispell e aspell. Actualmente, diferentes membros da comunidade colaboran no desenvolvemento das distintas ferramentas (regras, dicionario, sinónimos, listas de palabras, extensións, probas, difusión, etc.). Desta comunidade cabe destacar moito as contribucións de Miguel Anxo Solla no desenvolvemento do ficheiro de regras e a xestións e coordinación do proxecto de desenvolvemento desta ferramenta. O corrector Hunspell é a única ferramenta de corrección ortográfica de código aberto que existe para o galego.

Esta é a primeira versión producida polo Proxecto Trasno e supón un avance moi notable respecto da versión estable do corrector do ano 2009. Non só se reescribiron totalmente as regras que agora aumentan a velocidade e potencia de corrección, sobre todo no tratamento dos pronomes enclíticos, senón que inclúe por primeira vez un dicionario de sinónimos de Volga e un guionizador. En futuras versións agardamos engadir ademais un autocorrector de erros frecuentes.

O corrector ortográfico Proxecto Trasno publicarase en dúas versións:

  1. Trasno-Volga. Baseándose no Volga exclusivamente a partir de actualizacións do seu dicionario. Ten a finalidade de ser estritamente normativa. É a que se promoverá como versión nativa para as distribucións e LibreOffice/Apache OpenOffice
  2. Trasno-Xeral. Que inclúe o anterior pero engade complementariamente moitos outros repertorios paranormativos de referencia, así como as suxestións por parte de usuarios e comunidade. O seu obxectivo é ser unha ferramenta útil para os usuarios no día a día. Distribuirase desde www.trasno.net como extensións ou paquetes listos para instalación por parte dos usuarios. Haberá unha extensión dispoñible nos repertorios de extensións de LibreOffice, Apache OpenOffice e Mozilla elaboradas pola comunidade. Estas extensións «oficiais» identificaranse como produtos do Proxecto Trasno.

Están en preparación de cara a un futuro próximo as versións específicas para ámbitos de especialidades (dereito, bioloxía, administración, etc.) e que serán liberadas a medida que se vaian desenvolvemento os repertorios lexicográficos correspondentes. A este respecto faise unha petición de colaboración á comunidade de usuarios. O desenvolvemento utilizará a infraestrutura do Proxecto Trasno e os respositorios estarán dispoñibles publicamente en todo momento na rede social de código GitHub.

As diferentes versións irán numeradas conforme o ano e mes da súa liberación, a que hoxe se publica leva a numeración 12.10 (ano.mes) e cada unha levará un nome en clave en recoñecemento e homenaxe histórica. As versións «volga» levarán exclusivamente nomes de lingüistas, gramáticos, lexicógrafos, etc. mentres que as versións “xerais” homenaxearán personaxes sobranceiros e símbolos da cultura galega.

O Proxecto Trasno é a comunidade aberta e de voluntariado para localización de Software Libre ao galego e o desenvolvemento de ferramentas para localización. Súmate a nós e axúdanos a seguir poñendo o galego na nova era dixital.

Descarga o corrector ortográfico Hunspell aquí: http://extensions.openoffice.org/en/project/Trasno-volga

Pode seguir as respostas a esta entrada vía RSS 2.0 Pode deixar unha resposta, ou seguimento.

Deixe unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>