Proxecto Trasno

Proxecto Trasno é unha comunidade aberta de voluntarios que se adican a localizar software libre ao galego. Isto é,

  • é un proxecto de colaboración por medio de internet para traducir aplicativos informáticos ao galego
  • é un proxecto que se adica só ao software libre
  • é un proxecto formado por voluntarios, que contribúen o seu tempo e esforzo gratuitamente
  • un punto de encontro para todos os que queremos que haxa tecnoloxía en galego

Dende o ano 2009 o Proxecto Trasno está amparado pola Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno.

Algo de historia 

As orixes de Trasno están en dous grupos que traballaban por separado. Na primavera de 1999 nace o grupo  Gzlinux , fundado por Manuel A. Fernández Montecelo e Woden, para adicarse á tradución de documentación (guías e manuais). Por outra banda en xullo de 1999 iniciase no  GPUL  (Grupo de pogramadores e usuarios de Linux da Universidade d'A Coruña) un subproxecto, coordenado por Jacobo Tarrío, para a tradución das utilidades de GNU e de programas libres en xeral. 

Ámbolos grupos evolucionaron por separado ata que a principios do 2000 membros dun e doutro, así  como xente que traballaba independentemente destes grupos, decidiron fusionarse nun único grupo.  Este grupo, o nacente  Proxecto Trasno , serviu dende entón como punto de referencia para todo aquilo relacionado coa galeguización do software libre.