[[trasno:asociacion]]
 

Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno

A día 17 de Outubro de 2009, reunidos en Santiago de Compostela en asemblea constuinte, membros da comunidade Proxecto Trasno asinaron o estatuto para a creación da “Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno” iniciando así o proceso de rexistro oficial na Comunidade Autónoma de Galicia, e que pode durar varios meses ata que a asociación se poida declarar oficialmente constituída.

A asociación, sen ánimo de lucro, pretende ser a entidade que axude e soporte á comunidade de localizadores ao galego. A tal efecto a asociación define os seguintes obxectivos:

  1. A promoción e difusión do software libre, dos seus valores e da relevancia para o interese xeral da sociedade galega, con énfase na posibilidade de empregalo en galego ou da posibilidade de contribuír a que estea nesta lingua.
  2. A localización de software libre ao galego co fin de que a comunidade galegofalante poida dispor de software libre adaptado ás súas necesidades e requirimentos lingüísticos e culturais. A localización ao galego de software libre implica a adaptación deste para que estea traducido á lingua galega, dispoña de servizos nesta lingua como axudas e titoriais, e dispoña de ferramentas de apoio e asistencia, tales como dicionarios e correctores ortográficos. Para as actividades da asociación, utilizarase a Normativa oficial do galego sen prexuízo de se crearen e acolleren distintas versións dos recursos tamén noutras normas lingüísticas alternativas.
  3. Poñer a disposición libre de todos cantos voluntarios queiran localizar software libre ao galego ferramentas e material do que se poidan servir para realizar esta tarefa, sempre na medida do que a asociación poida. Igualmente, permitir o acceso a calquera persoa sen restrición nin trabas a todos os recursos xerados pola actividade da asociación e de todos os contribuidores ora por medio dos proxectos de software libre que son localizados ora a través das canles propias da asociación.
  4. Dar apoio e asistencia aos voluntarios e, en xeral, a todas aquelas persoas interesadas, relativa á formación necesaria para poder contribuír á localización de software libre, sempre na medida do que a asociación poida. Isto inclúe a formación e axuda en aspectos tanto informáticos coma filolóxicos.
  5. Desenvolver software libre especialmente relacionado cos procesos de internacionalización mais tamén específico doutros ámbitos. Isto inclúe deseñar, desenvolver, probar, dar asistencia, promocionar e difundir o seu uso.
  6. Contribuír ao patrimonio lingüístico e cultural galego avanzando na incorporación do galego ao eido da informática, innovando na adaptación e desenvolvemento de terminoloxía propia para a lingua neste eido e poñendo a disposición pública e libre os resultados destes esforzos.
  7. Representar á comunidade de colaboradores nas actividades promovidas ou participadas pola Asociación.
  8. Colaborar con outras entidades que compartan os seus fins.

A tal efecto contémplanse as seguintes actividades:

  1. Crear e soster a infraestrutura necesaria para que se realice ou facilite a tarefa de localización de software libre, se dea apoio e asistencia a esta, se posibilite a comunicación entre todos os asociados e voluntarios e se almacenen e distribúan os recursos xerados derivados da actividade de localización. Isto inclúe, ademais de medios físicos, os servizos a través da Internet como páxinas web, listas de correo, foros, blogs e outros medios similares.
  2. Realizar encontros, xornadas, etc. para que os asociados e os contribuidores avancen nos obxectivos da asociación.
  3. Realizar actividades para a formación en todos os aspectos implicados na actividade de localización, con énfase na localización ao galego.
  4. Coa finalidade da promoción e difusión do labor da asociación e dos seus valores, organizar simposios, charlas, campañas e organizar outro tipo de actividades, tanto convocadas pola asociación coma por pedimento de terceiros.
  5. Publicar artigos, libros ou outro material de edición propia relacionados coa finalidade da asociación, tanto en formato impreso coma dixital.
  6. Desenvolver software libre, sostelo, liberalo e darlle asistencia aos usuarios.
  7. Formalizar e executar convenios de colaboración con outras entidades tanto públicas como privadas
  8. Realizar a contratación de servizos profesionais, asesoramento ou comerciais para os fins propios da Asociación.
  9. Expedir certificacións de recoñecemento de méritos dos socios ou colaboracións nas actividades da Asociación.

A asemblea constituínte asistiron, e son polo tanto membros fundadores da asociación: Miguel Ángel Bouzada, Miguel Branco, Xosé Calvo, José M. Castroagudín, Adrián Chaves, Francisco Dieguez, Indalecio Freiría, Antón Méixome, Leandro Regueiro, Daniel Muñíz, Xabier Villar e Marcelino Villarino. Os membros elixidos para a directiva da asociación son:

  • Presidente: Miguel Branco
  • Vicepresidente: Miguel A. Bouzada
  • Secretario: Leandro Regueiro
  • Tesoureiro: Marcelino Villarino

Estatuto da Asociación Proxecto Trasno

 
trasno/asociacion.txt · Última modificación: 2009/11/09 23:18 por oviguan
 
Recent changes RSS feed Driven by DokuWiki