Curso de tradución ao galego de aplicativos informáticos libres (UDC)

logo

O Proxecto Trasno organiza este mes o curso de Tradución ao galego de aplicativos libres na Universidade da Coruña.

Este curso de 33 horas con módulos teóricos e prácticos está deseñado para formar aos asistentes na internacionalización e localización de software libre. O curso está impartido por varios dos voluntarios e expertos máis activos na tradución de software libre ao galego a día de hoxe.

Está dirixido a estudantes, tradutores, desenvolvedores de software e tamén ao público en xeral e celébrase en colaboración ca OSL da Universidade da Coruña e forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.

O curso é de matrícula gratuíta e permítelle aos estudantes universitarios que asistan a el obter dous créditos de libre elección.

Obxectivos

No curso abordarase a localización ao galego de aplicativos informáticos libres desde un aspecto teórico nos seus múltiples relatorios, e tamén práctico nos que se aprenderá a usar dúas ferramentas libres para a tradución, así como outras técnicas. Ao longo do curso os asistentes poderán adquirir os coñecementos necesarios para contribuír á localización ao galego de software libre, así como para usar software libre para traducir software e outros formatos.

Entre os temas dos que se vai falar están a introdución aos procesos de localización e tradución do software, a linguaxe informática en galego, os esquemas de traballo nos proxectos de localización, os estándares de localización e o emprego de ferramentas libres de tradución asistida por ordenador.

Inscrición

Para rexistrarse no curso hai que cubrir o seguinte formulario situado na páxina da Oficina de software libre da UDC. O prazo de inscrición será ata o Luns 15 de Novembro (incluído).

Ofertaranse un máximo de 40 prazas debido ao límite de capacidade da aula onde se vai impartir o curso. No caso de que o número de solicitudes supere á capacidade da aula farase unha selección dos solicitantes. Enviaráselle unha mensaxe a todas as persoas rexistradas confirmando a súa admisión no curso.

Lugar e datas

O curso celebrarase no Edificio de Servizos Centrais da Universidade da Coruña, situado no campus de Elviña.

A data de inicio será o día 16 de Novembro de 2010 e rematará o 25 de Novembro. As xornadas comezarán ás 10:30 e durarán ata as 13:45, agás os días dos obradoiros que haberá sesión de mañá de 10:15 a 13:45 e sesión de tarde de 16:15 a 19:45. Para facilitar a aprendizaxe os obradoiros partíronse en dous grupos, un de mañá e outro de tarde. As persoas inscritas poderán asistir ou ben á sesión da mañá ou ben á da tarde.

Como chegar

O Edificio de Servizos Centrais situase no Campus de Elviña da UDC na Cidade da Coruña. O edificio atópase en fronte da Facultade de Ciencias Económicas e de par á Casa do Lagar. No mapa de embaixo pode ver onde está situado o edificio. A aula onde se celebra o curso está situada na planta baixa do edificio.


Ver Universidade da Coruña

Programa

  • Día 1: Martes 16 de Novembro
    10:30 - 10:45
    Benvida ao ciclo
    Relator: Miguel Branco. Presidente da AC Proxecto Trasno.
    10:45 - 11:45
    Os conceptos de internacionalización (i18n) ou globalización (g11n), localización (l10n) e tradución
    Descargar en formato PDF ou en formato ODP
    Relator: Miguel Anxo Bouzada. Programador, desenvolvedor e tradutor do Proxecto Trasno.
    11:45 - 13:45
    Formatos estándares de localización: XLIFF, TMX e TBX
    Descargar en formato PDF ou en formato ODP
    Relator: Leandro Regueiro. Tradutor do Proxecto Trasno.
  • Día 2: Mércores 17 de Novembro
    10:30 - 12:00
    Os formatos de tradución Gettext (po) e Qt Linguist (ts)
    Descargar en formato PDF ou en formato ODP
    Relator: José Manuel Castroagudín. Tradutor do Proxecto Trasno.
    12:00 - 13:45
    Pootle, Launchpad, Transifex e sistemas web de xestión de proxectos de traducións
    Descargar en formato PDF ou en formato ODP
    Relator: Indalecio Freiría. Tradutor do Proxecto Trasno.
  • Día 3: Xoves 18 de Novembro
    10:30 - 12:00
    O inglés no ámbito técnico
    Descargar en formato PDF ou en formato ODP
    Relator: Xosé Calvo. Filólogo. Membro do equipo de tradución de KDE ao galego.
    12:00 - 13:45
    Elementos da tradución ao galego. Nova normativa do galego
    Descargar en formato PDF ou en formato ODP
    Relator: Miguel Branco. Presidente da AC Proxecto Trasno.
  • Día 4: Venres 19 de Novembro
    10:15 - 13:45
    Obradoiro: traducindo coa ferramenta libre Lokalize (Grupo 1: mañá)
    Descargar en formato PDF ou en formato ODT, táboa de atallos de teclado en formato PDF ou en formato ODT
    Relator: Marce Villarino. Membro do equipo de tradución de KDE ao galego, e tradutor do Proxecto Trasno.
    Asistentes: Leandro Regueiro, Miguel Branco
    16:15 - 19:45
    Obradoiro: traducindo coa ferramenta libre Lokalize (Grupo 2: tarde)
    Descargar en formato PDF ou en formato ODT, táboa de atallos de teclado en formato PDF ou en formato ODT
    Relator: Marce Villarino. Membro do equipo de tradución de KDE ao galego, e tradutor do Proxecto Trasno.
    Asistentes: Leandro Regueiro
  • Día 5: Luns 22 de Novembro
    10:15 - 13:45
    Obradoiro: traducindo coa ferramenta libre OmegaT (Grupo 1: mañá)
    Descargar en formato PDF, táboa de atallos de teclado en formato PDF ou en formato ODT, materiais para o obradoiro

    Relator: Enrique Estévez. Técnico da OSL da USC e coordinador do equipo de tradución de Mozilla ao galego.
    Asistentes: Leandro Regueiro

    16:15 - 19:45
    Obradoiro: traducindo coa ferramenta libre OmegaT (Grupo 2: tarde)
    Descargar en formato PDF, táboa de atallos de teclado en formato PDF ou en formato ODT, materiais para o obradoiro

    Relator: Enrique Estévez. Técnico da OSL da USC e coordinador do equipo de tradución de Mozilla ao galego.
    Asistentes: Miguel Branco

  • Día 6: Martes 23 de Novembro
    10:30 - 11:30
    Cristalización do modelo de lingua, estilo e terminoloxía galega da localización
    Descargar en formato PDF

    Relator: Antón Méixome. Filólogo, técnico de Normalización lingüística, tradutor do Proxecto Trasno.

    11:30 - 12:30
    O reto da calidade lingüística no traballo en rede: roles, procesos e etiqueta de colaboración
    Descargar en formato PDF

    Relator: Antón Méixome. Filólogo, técnico de Normalización lingüística, tradutor do Proxecto Trasno.

    12:30 - 13:45
    A informática unha nova lingua de especialidade, uso de Glósima e Tiboxe en Trasno

    Relator: Antón Méixome. Filólogo, técnico de Normalización lingüística, tradutor do Proxecto Trasno.

  • Día 7: Mércores 24 de Novembro
    10:30 - 11:30
    Corrección técnica e Q&A na tradución de Software Libre
    Descargar a presentación inicial en formato PDF ou en formato ODP e a presentación do relatorio en formato PDF ou en formato ODP
    Relator: Fran Diéguez. Técnico da OSL da USC, Coordinador do equipo de tradución de GNOME ao galego.
    11:30 - 13:45
    Esquemas de traballo na localización de software
    Descargar as presentacións en formato PDF ou en formato ODP
    Relator: Fran Diéguez. Técnico da OSL da USC, Coordinador do equipo de tradución de GNOME ao galego.
  • Día 8: Xoves 25 de Novembro
    10:30 - 12:30
    Procesos de internacionalización. Gettext_izar en distintas linguaxes
    Descargar en formato PDF ou en formato ODP, información sobre procesos de i18n na wiki de Trasno
    Relator: Miguel Anxo Bouzada. Programador, desenvolvedor e tradutor do Proxecto Trasno.
    12:30 - 13:45
    Impacto socioeconómico da localización. Perspectivas de futuro
    Descargar en formato PDF ou en formato ODP
    Relator: Miguel Branco. Presidente da AC Proxecto Trasno.