Chakra en galego

De Proxecto trasno

Nota: a redacción desta páxina está parada nestes momentos, á espera de que se den unhas condicións propicias para continuar con ela. Lamentamos as molestias.

O seguinte manual explicará o proceso de descarga, instalación e configuración da distribución de GNU/Linux Chakra, incluída a instalación e configuración tanto dos paquetes da lingua galega coma o corrector ortográfico. Este manual debería poder seguilo un usuario calquera, e se ben para a creación dun dispositivo USB de instalación farase uso da liña de ordes, durante o resto do proceso empregarase a interface gráfica.

Índice

Instalación

Descargar unha imaxe

Para instalar Chakra, o primeiro que se necesita é descargar unha imaxe do sistema. Unha “imaxe” consiste nunha copia do sistema que se gravará nun medio (CD, DVD ou memoria USB) e que o usuario deberá arrincar dende o computador no que vai instalar Chakra. Nesta páxina danse as claves para a escolla dunha imaxe axeitada, que dependerá de diversos factores relativos tanto ao computador onde se vai instalar o sistema coma ao usuario que vai facer uso do mesmo. Ante as dúbidas, unha imaxe da última versión estable de Chakra (“Jaz” no momento de escribir estas liñas) para a arquitectura i686 debería servirlle a calquera usuario.

Dende esa mesma páxina poderemos descargar a imaxe, e unha vez completada a descarga poderá continuarse co seguinte punto deste manual.

Crear un medio de instalación

Unha vez descargada a imaxe, deberá decidir o medio que vai utilizar para arrincar o “sistema en vivo” e instalar dende este Chakra no seu computador. En xeral adoita resultar unha mellor opción utilizar un dispositivo USB, pero algúns computadores vellos poderían ter problemas para iniciar o sistema en vivo dende estes dispositivos, así que ante a dúbida pode que resulte mellor decantarse por un CD ou DVD.

Crear un CD ou DVD de instalación

Para crear un CD ou DVD de instalación necesitará:

  • Un CD ou DVD virxe (baleiro e listo para encher con datos).
  • Un sistema con gravador de CD ou DVD.
  • Un aplicativo de gravación de CD ou DVD.

Reunidos os requisitos, o proceso de gravación da imaxe ISO de Chakra no CD ou DVD dependerá do aplicativo utilizado.

Crear un dispositivo USB de instalación

Para crear un dispositivo USB de instalación necesitará:

  • Un dispositivo USB de máis de 700 MiB de espazo.

Antes de proceder a gravar a imaxe no dispositivo, teña en conta que todos os datos que este conteña borraranse, polo que se ten algún dato importante deberá, antes de seguir, gardalo noutra memoria USB ou nun computador.

Para este proceso farán falla dous aplicativos, dd e isohybrid. Estes poden descargarse dende os repositorios de calquera distribución de GNU/Linux (xeralmente contidos nos paquetes «coreutils» e «syslinux»), ou de aquí e aquí para sistemas Windows.

  • En GNU/Linux, unha vez instalados os paquetes necesarios, deberá primeiro identificar a ruta do dispositivo USB, e asegurarse de que non estea montado ─e desmontalo en caso de que o estea─. Un exemplo de ruta podería ser «/dev/sdb», pero podería ser distinta. Execute nunha terminal «ls /dev/sd*» para obter unha lista dos dispositivos e particións ─ruta do dispositivo rematada nun número─, e supoñendo que o dispositivo USB fose o último en engadirse ao sistema, a súa ruta será probablemente a que remate na letra que estea máis próxima ao «z» no alfabeto. Por exemplo, se temos «/dev/sda», «/dev/sdb» e «/dev/sdc» e o dispositivo USB que buscamos foi o último en conectarse ao computador, probablemente será «/dev/sdc». Unha vez coñecida esta ruta, executaranse as seguintes ordes coas rutas necesarias:
isohybrid /ruta/á/imaxe/de/Chakra.iso
dd if=/ruta/á/imaxe/de/Chakra.iso of=/ruta/ao/dispositivo/USB
  • En Windows, dende o cartafol onde se descargaron os dous aplicativos, executaranse as seguintes ordes coas rutas necesarias:
isohybrid.exe /ruta/á/imaxe/de/Chakra.iso
dd.exe if=/ruta/á/imaxe/de/Chakra.iso of=/ruta/ao/dispositivo/USB

E unha vez remate de traballar o dd, o dispositivo USB de instalación estará listo e poderase retirar do computador (salvo que sexa o mesmo no que se vai instalar Chakra, en cuxo caso non será necesario retiralo).

Sistema en vivo

Unha vez introducido o medio de instalación no sistema no que se vai instalar Chakra e iniciado dito sistema, aparecerá unha pantalla na que se deberá escoller a lingua en que se quere realizar a instalación. A primeira vista non aparece o galego, pero se mediante a tecla coa frecha cara abaixo nos desprazamos pola lista, poderémolo atopar na segunda páxina de linguas. Unha vez marcada a liña do galego, premeremos Intro para continuar.

Na seguinte páxina aparecerannos diversas opcións de inicio. En principio non teremos que preocuparnos desta páxina, e poderemos darlle a Intro tendo seleccionada a primeira das opcións, «Iniciar».

A continuación verá fluír uns textos en inglés sobre un fondo negro. Non se preocupe, ao final aparecerá unha pantalla como a seguinte:

Aquí terá que premer na icona que di Installation («Instalación»). Esta icona abrirá Tribe, o aplicativo de instalación de Chakra.

Instalación do sistema

Nas primeiras páxinas do instalador terá que darlle ao botón Next («Seguinte»).

Véxase tamén

  • Manual oficial de instalación
Vistas
  • Artigo
  • Conversa
  • Ver o código fonte
  • Historial
Ferramentas persoais
  • Rexistro
Caixa de ferramentas
  • Páxinas que ligan con esta
  • Cambios relacionados
  • Páxinas especiais
  • Versión para imprimir